segunda-feira, 30 de agosto de 2010

Celta, 1-Barcelona B, 2.

Comezou a nova temporada e con este xa van cinco anos nos que o Celta non consegue gañar o primeiro partido (e non cinco perdendo como di algún intelixente na prensa viguesa). Novamente foi un recén ascendido o que nos deixou coas gañas de comezar con bo pe pero sendo optimistas, neste Celta albíscanse oportunidades de mellora que nos poden servir para cumprir o obxectivo de pasar unha temporada tranquila, xa que falar de ascenso persoalmente penso que é excesivamente pretencioso e pouco realista.

Este sábado o Celta tivo ocasións de gol abondo para ter gañado o partido, pero entre a proverbial mala puntería dos nosos dianteiros e a boa actuación do porteiro do Barcelona B fixeron que só atinasemos unha vez coa rede rival. Ademáis, a mobilidade da dianteira catalana lles creou moitos problemas aos defensas celestes e os azulgranas souberon aproveitar dúas ocasións para se faceren cos puntos.

Unha das mellores novas da tarde foi o bo rendemento que ofreceu Álex López acompañando a López Garai no medio do campo, confirmando todo o bo que apuntara durante a pretemporada. O ferrolán foi do mellor do Celta xunto a un Quique De Lucas moi activo e perigoso que asumiu o leme do equipo como se espera del. Os centrais Ortega e Túñez estiveron moi inseguros e sufriron coa dianteira rival, así como os laterais Hugo Mallo e Roberto, que -tamén é certo- contaron con pouco apoio defensivo dos interiores. López Garai estivo por baixo do seu rendemento habitual e os dianteiros (Papadopoulos e David Rodríguez) loitaron moito pero volveron estar desacertados ante a meta de Miño.

Por non perder o costume, o noso vello coñecido Melero López volveunos perxudicar gravemente. Admitindo que non se pode culpar da derrota ao árbitro, por que non pensamos que podería ter pasado si este señor tivese sinalado algún dos dous penaltis que se cometeron na área visitante? No primeiro tempo houbo un claro derrubo a De Lucas e avanzada a segunda metade unhas mans dun defensa que ninguén viu ou quixo ver. Ogallá esta non volva ser a tónica da temporada e que só paguemos polos nosos erros, non polos que cometen outros e que tantos puntos nos custaron en anos anteriores.



Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.