segunda-feira, 28 de março de 2011

Celta, 0-R.Huelva, 3.

O Celta encaixou esta fin de semana unha dolorosa derrota que nos afasta un pouco máis dos postos de ascenso e fai que outros rivais se nos acheguen na clasificación. O 0-3 fronte ao Recreativo de Huelva foi resultado demasiado avultado para os méritos dos visitantes pero reflectiu a inoperancia dos celestes, que nunca puideron controlar o partido.

Ante as baixas de Murillo, Hugo Mallo e Jonathan Vila, Paco Herrera apostou por situar a Bustos como lateral dereito, unha decisión sorprendente que, a posteriori, os intelixentes de sempre criticaron co seu habitual ventaxismo dicindo que estaba visto que o experimento non ía funcionar. Desde logo que o Celta non perdeu porque Bustos xogase nunha posición que non é a súa, xa que o rendemento colectivo e individual foi deficiente en todas as liñas pero especialmente nos xogadores que deberían marcar as diferenzas e que estiveron tremendamente desacertados.

Malia que o Celta non deu sensación de perigo en ningún momento, se cadra a xogada que marcou o desenlace do partido foi a expulsión de Falcón no primeiro tempo. Poderáse dicir que o cartón vermello é xusto e que a acción do noso porteiro golpeando ao atacante do Huelva é innecesaria, pero estamos fartos de ver xogadas semellantes nas áreas contrarias que non se xulgan coa mesma severidade. Como sempre, é moi doado facerlle iso ao Celta, máis aínda cando a nosa afección apenas protesta nin presiona e iso fai que, en accións que poden acarrexar algunha dúbida, nunca se decanten polo menos lesivo aos nosos intereses.

A partir do momento no que quedamos con 10 xogadores, o partido deixou de ter historia, xa que o Celta nunca tivo actitude de querer sobrepórse aos acontecementos e o Huelva controlou con certa comodidade, aumentando pouco e pouco a súa avantaxe no marcador ata ese 0-3 final.

Desde o Consello de Administración se tentara de mobilizar ao celtismo ante un partido importante e este deixou claro que a primeira parte do lema que o clube utilizou para a campaña (din que non temos afección para subir) é moi certa. Pese a que o horario esta vez era bo, só asistimos 10400 persoas, os piores números dos últimos partidos que demostran que, efectivamente, a afección do Celta non está nin moito menos á altura dos obxectivos do equipo.

domingo, 20 de março de 2011

Granada, 1-Celta, 1.

Se algo deixou claro este fin de semana é que o Celta non vai ter só dous rivais na loita polo ascenso directo. Quen máis decisivo está a resultar durante toda a liga, pero especialmente nestas últimas xornadas, son os árbitros, cuxas actuacións xa sobrepasan o tolerable e, o que é máis grave, sempre na mesma dirección. Visto o visto ata agora, e coa guinda do escándalo de onte no campo do Betis e, en menor medida, do Huelva, aínda queda alguén que acredite nas casualidades?

Cinguíndonos ao estritamente deportivo, o Celta colleitou esta mañá un importantísimo e meritorio punto no campo do Granada, un dos máis complicados da categoría. Se ben os andaluces (equipo filial da Udinese italiana) son un recén ascendido, están a demostrar (especialmente na casa) ser un equipo de moito nível e así o demostraron hoxe. O partido foi un duelo de categoría, o Granada foi un conxunto moi serio comandado por un Dani Benítez moi incisivo e perigoso e fixo bastantes ocasións de gol. Pola contra, o Celta nunca se amilanou malia ser superado nalgunhas fases, pero noutras soubo dominar e crear moito perigo sobre a porta do chantadino Roberto. Así pois, o empate é un bo resultado para nós, xa que nos permite manter a diferenza de puntos co Granada e seguir a tiro de pedra das dúas primeiras prazas da clasificación, esas que ata agora están a decantar caprichosamente os árbitros.

Unha boa noticia do encontro foi que Borja Oubiña disputou os 90 minutos ante a baixa por sanción de Bustos. O mediocampista vigués vai a máis e deixou moi bos detalles, malia que aínda lle queda moita rodaxe por adquirir. A falta de Bustos notouse, igual que a de Hugo Mallo, xa que Murillo pasou moitos apuros no lateral para suxeitar ao seu par. Tampouco estivo o lesionado Jonathan Vila, pero o seu oco foi ben tapado por Sergio Ortega, bastante acertado pese á mala fortuna de desviar involuntariamente o disparo que deu orixe ao gol local. Salientable tamén o debú co primeiro equipo do escocés Ikechi, extremo do filial que saíu nos últimos minutos para tentar aproveitar o oco que deixara o Granada na nosa banda esquerda.


quinta-feira, 17 de março de 2011

Poñamos freo aos atracos arbitrais

O cheiro a merda da liga faise cada vez máis insoportable. Por se non abondase con amaños de partidos que ninguén investiga malia sabermos que son certos, a ineptitude do gremio arbitral está a condicionar de xeito decisivo o desenvolvemento da competición e o malo é que o Celta leva sendo gravemente perxudicado nas últimas temporadas.

Cinguíndonos á actual temporada 2010-2011, se analisamos partido a partido as accións que supuxeron (ou poderían supór) alteración dos resultados, o balanzo non pode ser máis desolador. Deixando á marxe actuacións tan escandalosas como as sufridas en Tenerife, Huesca, Alcorcón ou Valladolid (xa que non houbo goles confusos nin penaltis), eis o resumo desde agosto ata hoxe:
  • Celta-Barcelona B: non se pitou un claro penalty sobre De Lucas nin unha man dun defensa na área visitante: 3 puntos.
  • Villarreal B-Celta: escandaloso penalty de Falcón: 2 puntos.
  • Celta-Granada: gol visitante en fóra de xogo (por pouco, pero posición ilegal): 2 puntos.
  • Celta-Betis: dous claros penaltis por man de defensas do Betis: 2 puntos.
  • Ponferradina-Celta: penalty por derrubo a Trashorras no pico da área: 2 puntos.
  • Celta-Huesca: penalty do porteiro a De Lucas: 1 punto.
  • Celta-Villarreal B: gol mal anulado a David Rodríguez, penalty por man dun defensa: 3 puntos.
Botando contas resulta nin máis nin menos que o Celta podía levar 15 puntos máis a estas alturas de liga. Aínda supoñendo que non se transformasen a metade dos penaltys que non se pitaron ou que os resultados puidesen ter sido diferentes, cantos puntos máis podiamos levar de non ser por estes erros? 8? 9? Igualmente é un auténtico escándalo porque non somos un superequipo que se poida permitir saír sempre perxudicado porque marca 3 goles por partido, máis aínda cando os nosos principais rivais (Betis e Rayo Vallecano) xa levan gañado bastantes puntos grazas a intervencións arbitrais.

Pero, na miña opinión, tan graves como os "erros" dos asalariados de Sánchez Arminio é o absoluto pasotismo no que viven a este respeito todos os estamentos do Real Club Celta. Desde o clube ninguén ten narices para levantar a voz e denunciar con claridade tantos atropelos. Só algúns xogadores protestaron timidamente e Paco Herrera fixo algunhas críticas pero en ton moi correcto e case a media voz. Poderíase dicir que é unha estratexia prudente e unha postura de corrección política; discutible porque o perxuízo está a ser moito, pero levemente comprensible.

Outro cantar é o que acontece por parte da prensa viguesa, que desde hai uns anos elude falar das arbitraxes. Prudencia ou quixotismo? Eu inclínome polo segundo, porque o que están a conseguir con esta postura é que a afección non fale do tema (se non sae na prensa é que non hai noticia). Ademáis, que fan en todas as demáis cidades? Aí ata se discute o indiscutible, pero en Vigo non: aquí só falan do árbitro para mencionar presuntas xogadas polémicas ao noso favor, que, por certo, vendo as imaxes deste ano, non sei onde están.

E, por último, temos o papel da afección. Un navega pola Internet durante a semana e cre ver que existe unha gran indignación no celtismo polos atropelos arbitrais porque en blogs, foros e demáis páxinas aparecen duras críticas e propósitos de tomar medidas. Pero, ai!, chega o domingo e que pasa? Pois que en Balaídos (ou donde sexa que se produce o roubo) non protesta case ninguén mentres o inepto de turno nos saquea na nosa propia casa. E con este caldo de cultivo, loxicamente, os árbitros están moi cómodos porque saben que un erro involuntario ou voluntario non lle vai pasar factura en forma de protestas ou presión do público, xogadores, adestrador ou directivos. Que esperamos logo? É moi bonito dicir que o Celta merece estar en primeira pero realmente demostramos ser tanto como dicimos? Deixémonos de tonterías, de tanto protagonismo, chupacámaras, ciberqueixas, excusas gratuitas, opinadores baratos, sentencias dos que van de salvadores do celtismo e demáis absurdeces e defendamos o noso antes de que sexa demasiado tarde. Xa vemos o resultado que nos dá a táctica de baixar a cabeza porque ao final acabaremos laiándonos se se achega o final da liga e vemos que os puntos que non gañamos por "erros" alleos nos van deixar un ano máis en segunda. Se cadra é que temos o que merecemos.

terça-feira, 15 de março de 2011

Celta, 0-Villarreal B, 1.

Por primeira vez na liga o Celta rematou un partido de casa sen marcar un gol. Ben, realmente isto non é de todo certo porque marcar marcou, pero nesta entrada non me vou estender sobre a actuación do impresentable Pino Zamorano; este individuo e o seu colectivo ben merecen (entre outras cousas) unha reseña específica que terá neste blog nos vindeiros días.

O partido do sábado fronte ao Villareal B supuxo a terceira derrota consecutiva do Celta e a saída dos postos de ascenso. Foi un partido moi raro, xa que os vigueses fixeron un bo primeiro tempo, no que crearon varias ocasións de gol moi boas ante a portería de Mariño que non se materializaron por unhas ou outras razóns. A segunda metade empezou algo mellor, xa que o Villarreal B quedou con 10 pola expulsión do seu xogador Jaume, que xa tiña que estar na rúa antes do descanso, e as cousas pintaban moi ben para os nosos, pero inmediatamente chegou o gol de Falque, un rapaz nado en Vigo que pouco e pouco semella que vai perdendo os fumes que tiña cando non lle empatara a ninguén e que agora se desfai en boas palabras cun Celta ao que non hai moito desprezaba. Ese gol sumiu nun gran desconcerto ao equipo de Herrera, que mantivo o dominio do balón pero que permitiu demasiadas chegadas dos amarelos que puideron sentenciar o marcador. Pero o empuxe local non foi correspondido con ningún punto a pesar de que David Rodríguez marcou un gol que foi anulado inxustamente. Para algúns, a actuación arbitral non pode servir de pretexto: pensarán que imos tan sobrados que podemos meter 3 goles por partido para non ter que estar a expensas dos caprichos destes ineptos?

A única boa nova do partido foi a reaparición de Borja Oubiña despois de dous anos de loita para recuperar o ton físico tras a súa grave lesión e posterior recaída. O mediocampista vigués non tivo unha gran presencia no xogo, xa que os compañeiros o descargaron de moita presión, pero non deixou unha mala imaxe. Vai ser moi difícil que Oubiña recupere o seu mellor nível, pero pouco e pouco ten que ir collendo protagonismo no equipo e volvendo a sentirse futbolista; gañas non lle faltan e esperemos que o xeonllo lle responda.

segunda-feira, 7 de março de 2011

Alcorcón, 1-Celta, 0.

Está claro que a euforia é mala conselleira. A boa temporada que está a facer o Celta, pero especialmente a boa xeira dos dous primeiros meses do ano, estaban a provocar unha gran satisfacción de todo o celtismo, pero tamén un triunfalismo algo desmedido nalgúns casos que esperemos que non se traduza, como soe pasar, en catastrofismo agora que chegaron as derrotas.

Despois da inxusta derrota contra o Huesca, cando o Celta fixera méritos para máis e se non o conseguiu foi pola mala puntería e por graves erros arbitrais, tocaba visitar o campo do Alcorcón, a onde viaxamos máis de 1000 celtistas dispostos a axudar aos nosos a manter un liderato que se puxera moi complicado despois da vitoria –unha vez máis con axudas- do Rayo Vallecano. E foi resultar que ao Celta lle saiu un partido malo, o equipo non deu sensación de autoridade nin amosou unhas ideas medianamente claras. É un erro culpar de todo isto a que Herrera deixase no banco a Trashorras e De Lucas porque o mal partido foi xeral e os substitutos xa teñen demostrado outras veces a súa validez para xogar como titulares. Tamén é moi cínico criticar sempre os plantexamentos do adestrador (como se os afeccionados soubésemos sempre máis ca el, quen queira que sexa) e moito máis queixarse agora de que faga rotacións cando antes había quen o facía xustamente polo contrario.

O caso é que o Celta volveu de baleiro de Madrid, deixando unha mala imaxe pero mantendo un segundo posto que debe ser o principal obxectivo a acadar no mes de xuño. Ou é que alguen pensaba que en marzo xa iamos estar ascendidos? E se non se conseguise subir, non esquezamos cal era o noso obxectivo no mes de setembro, cando moi poucos acreditaban en estar nos primeiros lugares.

Por último, un partido máis hai que deixar constancia da lamentable actuación dun árbitro. Se contra o Huesca Valdés Aller fora un inimigo do fútbol e nos perxudicara gravemente, onte lle tocou o turno a Piñeiro Crespo, ao que xa sufríramos este ano no Celta-Salamanca (lémbrese a expulsión de Murillo) e, sobre todo, ao que coñecemos polas súas dotes de falsear actas naqueles incidentes entre Notario e Trashorras. Este colegiado é un absoluto inútil e onte volveuno demostrar, con decisións que varreron sempre para a casa e algunhas tan esperpénticas como o cartón que lle amosou a Bustos ou a expulsión de López Garai. Casualmente imos quedar sen os medios centros titulares para recibir ao Villarreal B, pero o máis indignante é ver semana tras semana o dobre raseiro co que se mide aos equipos nesta categoría. Sigamos coa boca fechada, que xa nos laiaremos cando sexa tarde de máis, nos vexamos sen opcións de subir e botemos de menos os puntos que nos roubaron os homes de Sánchez Arminio.

quinta-feira, 3 de março de 2011

Celta, 1-Huesca, 2.

Catro meses despois, o Celta sufriu unha derrota, esta vez nun partido que nunca se debeu perder. Con todo, mantemos o primeiro posto e a distancia con respeito ao terceiro só se reduciu nun punto, co cal o tropezo é, de momento, menor.

Sen ser o mellor partido dos celestes, houbo numerosas ocasións, máis que suficientes como para termos merecido a vitoria. Entre a actuación do porteiro visitante, o poste (no que De Lucas estrelou dous lanzamentos) e a mala puntería dos nosos xogadores, especialmente de David Rodríguez, nos condearon a perder os puntos. Enfrente, o Huesca, sucio e ultradefensivo, atopouse cun gol no minuto 2 ocasionado por un grave erro de Falcón, e desde entón case non fixo outra cousa que cortar como fose o xogo local, con continuas faltas, perder tempo e defenderse a ultranza.

Para iso contou coa colaboración dun inepto chamado Valdés Aller, especialista en vitorias visitantes, ao que ata agora non sufríramos este ano (se ben xa era ben coñecido polo Celta B). Deixando á marxe dúas xogadas que, sen ver as repeticións, poden ser penaltys (sobre David Rodríguez e De Lucas), este individuo tivo unha actuación descaradamente parcial a prol do Huesca e tivo dous regulamentos. Aos oscenses permitiulles todo tipo de accións antideportivas e non lles sancionou o xogo duro e a reiteración de faltas. O colmo chegou en varias accións nas que amagou con amoestar aos xogadores aragoneses, botándose atrás ao comprobar quen era o futbolista. Penoso e inadmisible, porque xa chove sobre mollado. Se é tremendamente sospeitoso que ao segundo equipo máximo goleador da categoría só se lle sinalase a favor un penalty en toda a liga (alá pola xornada número 4, no mes de setembro), o realmente grave son os agravios comparativos e que desgraciados como este primen o antifútbol.

Non caben tempo para as lamentacións. Seguimos de líderes e o domingo visitamos un campo complicado como é o do Alcorcón, onde o equipo estará apoiado por moitos celtistas. Hoxe a actitude dos nosos homes foi boa a pesar da derrota e non dubido de que o domingo volverán dar o do de peito para recuperar os puntos perdidos.