terça-feira, 28 de dezembro de 2010

Galiza-Palestina

Nin a Xunta do PP, nin a Federación Galega de Fútbol, nin algúns clubes, nin os medios de comunicación conseguiron impedir que a xornada do pasado domingo 26 de decembro en Ourense volvese acoller os actos reivindicativos da oficialidade das seleccións nacionais de Galiza.

O programa encertouse coa celebración do III Aberto da Billarda Auténtica, a actuación de Palhaços em Rebeldia e un xantar popular. A seguir tivo lugar unha manifestación desde a Praza Maior na que participaron máis de 700 persoas sob o lema "Povos em luita, selecçons irmás" acompañadas dun esaxerado e ameazante dispositivo policial.

No campo dos Remedios, e presenciado por 1500 afeccionados, disputouse o partido de fútbol entre as seleccións de Galiza e Palestina, que rematou coa vitoria do noso combinado por 6-3. Como fin de festa, na Praza da Magdalena actuaron os grupos Som do Galpom, Royalties e Keltoi! perante 600 persoas.

Siareir@s Galeg@s valorou a xornada "como um éxito rotundo que, mália todo-los obstáculos que nos puxerom por diante desde as instituções, fossemos quem de atingir o êxito graças a autogestom e a experiência acumulada de anos anteriores. Consideramos mui bom síntoma que fossemos quem de sair avante sem nengum tipo de ajuda a excepçom do enorme apoio popular com o que seguimos a contar". Malia todos os atrancos, a chama da reivindicación segue acesa, e pouco importou que o triunvirato goberno-prensa-federación fixese todo o posible por apagala. Mesmo resulta penoso que algún partido político que se di nacionalista esqueza completamente o traballo de Siareir@s Galeg@s e prefira adoptar unha postura tépeda e timorata diante da agresión que supón rematar coa nosa selección nacional. Outro dato negativo é que non asista máis xente, xa que resulta chocante ver como "quedaron polo camiño" máis de 20.000 persoas das que chegaron a asistir a aquel Galiza-Camerún disputado en Vigo hai 3 anos (semella que para moitos, a selección galega non foi máis que unha moda pasaxeira).

Avante coas seleccións de Galiza! Unha nazón, unha selección!


sábado, 25 de dezembro de 2010

O día 26 xoga a nosa selección

O día 26 de decembro, loitando contra todas as dificultades e desinformación, Siareir@s Galeg@s organizará en Ourense o partido anual da selección nacional de fútbol de Galiza, no marco dun programa que tamén inclúe concertos e unha manifestación. Un ano máis, moitos afeccionados galegos parecen esquecer aquel interese que dicían ter ata hai un par de anos pola nosa selección (pasarían a "La Roja"?),

Reproducimos o comunicado elaborado por Siareir@s Galeg@s denunciando o boicote e desinformación que están a padecer:

A uns dias da celebraçom do jogo Galiza-Palestina, temos que deixar claras algumhas das cousas que estam a acontecer.

A Federaçom Galega de Futebol está fazendo um grande esforço para que nengum jogador acuda à nossa convocatória. Estes dias temos recebido todo tipo de negativas que comentamos a seguir: escuitamos por parte de presidentes de clubes frases como "nom sabedes onde vos estades metendo", jogadores que nos sinalam sem muita convicçom que estam enfermos (a umha semana do partido), outros que depois da sua confirmaçom para acudir, retiram-se por pressões da directiva, equipas de futebol feminino que nos comentam as chamadas recebidas desde a própria federaçom, asociações de desportistas galegas que sinalam que acudir ao partido é um acto de enfrontamento com a Junta, alguns jogadores que vam a asistir e que nos pidem que nom publiquemos a convocatória para evitar pressões de última hora e muitas, muitissimas mais cousas que poderiamos relatar. Está sendo tal o boicote, que chega até clubes de terceira divissom. É este o trabalho que tem que fazer umha federaçom de futebol?

Também temos que sinalar a ocultaçom mediática ante a que nos atopamos. Depois de enviar o nosso programa, de chamar directamente ao médios de comunicaçom e de solicitar colaboraçom na difussom a determinadas organizações, comprobamos como a política a seguir na imprensa institucional, incluso algumha que o ano passado publicitou bastante as nossas actividades, limita-se a ocultar os actos a celebrar o dia 26. Será mais importante para @s galeg@s a destituçom do adestrador do Inter de Milan ou a derrota dos Raptors que a nossa selecçom?

Ante todo isto só nos queda fazer um chamamento directo a todo o povo galego para que acuda ao partido da nossa selecçom este domingo em Ourense, contribuindo a umha jornada de unidade baixo a mesma equipa e a mesma bandeira. Junt@s faremos umha demonstraçom de orgulho ante as manipulações dos políticos e a covardia de alguns dirigentes desportivos. Nós nom temos um Wikileaks que nos mostre directamente todas as manipulações do poder que estamos a sofrer, mais aseguramos que isto que estamos contando está a suceder a dia de hoje no nosso país.

Esperamos que a selecçom galega siga sendo um ponto de encontro e que tod@s @s galeg@s desfrutemos de um gram dia de festa.

O 26 de Dezembro, Galiza jogará em Ourense e nós estaremos alí para vê-lo.

UMHA NAÇOM, UMHA SELECÇOM!



domingo, 19 de dezembro de 2010

Celta, 1-Salamanca, 0.

O Celta remata o ano a un punto da segunda praza grazas á vitoria conseguida onte ante o Salamanca, outro dos equipos que ocupan a parte alta da clasificación. Foi un triunfo moi traballado e sufrido, en boa parte polos caprichos arbitrais pero tamén polas ocasións erradas polos nosos; porén, o resultado final é unha boa inxección de moral para despedir o ano e afrontar o vindeiro partido, importantísimo, no campo do Rayo Vallecano.

Comandado por un Álex López impresionante, ao que axudaron á perfección López Garai e un Bustos que se atopa nunha gran forma, o Celta varreu do campo ao Salamanca nos primeiros 45 minutos. O balón era propiedade absoluta dos locais e sucedíanse as chegadas á área de Biel Rivas, pero os nosos xogadores semellaban ter desviado o punto de mira ata que, perto do descanso, Trashorras puido traducir o dominio nunha xusta aínda que curta avantaxe.

Tras o paso polos vestiarios non semellaban mudar as tornas, porque nos primeiros segundos David Rodríguez volveu fallar outra clara ocasión, pero aí apareceu o vello coñecido Piñeiro Crespo (o mesmo que o ano pasado falseara a acta de xeito que Català recibira unha sanción de 4 partidos por uns feitos nos que non participara) e expulsou a Murillo porque lle deu a gaña. Daquela o Salamanca meteu arriba toda a súa artillería e o Celta tivo que apostar por unha defensa numantina e de circunstancias, con Jonathan Vila de lateral dereito e Sergio Ortega e Català de centrais. Os minutos pasaban moi de vagar e mesmo houbo algunha opción de resolver o partido ata que a ridícula expulsión do salmantino Yuste equilibrou as forzas e nos permitiu chegar ao remate do partido sen tantos apertos.

Unha vez máis hai que lamentar o vergoñento espectáculo dun membro do cadro arbitral. Desde o minuto 1 tivemos moi claro que Piñeiro Crespo viña a Balaídos con gañas de festa, porque resulta difícil explicar o porqué do cartón que lle amosou (semella que a petición dos visitantes) a Murillo nada máis comezar o encontro. Hai quen fala de que o árbitro asturiano compensou os seus erros pero isto é radicalmente falso, xa que no minuto 15 do primeiro tempo lle perdoou un cartón vermello moi claro a Mario Rosas por unha dura entrada a Álex López. Despois, no 48, expulsou a Murillo de forma caprichosa e delirante por unha segunda amarela nunha man totalmente involuntaria. É certo que a postreira expulsión de Yuste tampouco ten xustificación, pero daquela o Celta xa levaba 34 minutos cun home menos por culpa da incompetencia deste personaxe: hai unha gran diferenza, non hai?

terça-feira, 14 de dezembro de 2010

Girona, 1-Celta, 1.

O Celta aséntase na zona de play-off logo de conseguir un empate no difícil campo de Montilivi, nun partido onde o 1-1 reflicte perfectamente o que aconteceu sobre o terreo de xogo. Se ben antes do descanso os celestes foron superiores, controlaron o partido e se adiantaron cun gol de Català, despois de que o Girona conseguise o empate o dominio pasou ás súas mans e, se ben non crearon demasiadas ocasións, hai que considerar como merecido o marcador final.

O que resulta moi sorprendente é como interpretan algúns a actual situación do Celta. Sinceiramente, non sei quen cremos que somos nin se pensabamos en subir a primeira sen suar, pero é lamentable que estando nunha terceira praza na que non moitos confiarían hai tres meses, se adopten discursos catastrofistas que consideran ridículo empatar en Girona. Ver para crer o de parte do celtismo.

Á bancada de Montilivi acudiu un bo número de celtistas, coa lóxica predominancia dos membros da Penya Blau Cel, pero tamén doutros chegados desde lonxe como os de Esmorga Zeleste, que non faltamos un ano máis na cita de Girona. Entre todos tentamos de axudar cos nosos azos a que o Celta conseguise a Vitoria; este ano non puido ser pero polo menos voltamos cun meritorio empate.

domingo, 5 de dezembro de 2010

Celta, 2-Las Palmas, 0.

O Celta aséntase nos postos altos grazas á vitoria conseguida esta mañá fronte ao Las Palmas, equipo que chegaba con sona de practicar un bo fútbol e de ser un dos candidatos ao ascenso. Baixo a choiva que caía sobre Balaídos, os celestes foron superiores despois dun comezo de partido con bastantes imprecisións. Tivo que ser un gol en propia porta de Aythami no minuto 15 o que servise de aguillón aos rapaces de Paco Herrera para que pasasen a dominar claramente o xogo, creando bastantes ocasións que non se materializaron en gol.

No segundo tempo, o Celta apostou por nadar e gardar a roupa, o Las Palmas tiña máis tempo o balón pero apenas chegou con gran perigo e os locais buscaban algún rápido contragolpe que sentenciara o partido, xa que a multitude de córners que lanzaron non foron nunca unha ameaza para o porteiro canario. A entrada de Dani Abalo, Joan Tomàs e Iago Aspas e uns espléndidos últimos minutos dun Bustos que ata entón tivera menos protagonismo que habitualmente (no medio do campo destacara Álex López ata que Herrera o substituíu) foi fundamental para mudar a tendencia, recuperar a iniciativa e sentenciar o resultado grazas a un novo gol de Joan Tomàs, que aproveita como ninguén os minutos cos que conta.

O horario do partido, o mal tempo, pero especialmente a data (dous feriados nos próximos días) fixeron que a asistencia a Balaídos fose escasa, con 8.218 afeccionados que, ademáis, estiveron moi fríos durante a meirande parte do encontro agás perto do final. Neste sentido, seguimos a ter un punto negro, xa que o equipo está a merecer este ano un maior apoio do que lle estamos a brindar os celtistas.

Por último, celebrar que a actuación arbitral non nos supuxese erros tan graves como nas xornadas anteriores. O andaluz Pérez Montero é un vello coñecido e fixo unha mala arbitraxe (así como os seus cegatos asistentes), pero por sorte non houbo xogadas polémicas en ningunha das dúas áreas. De todos os xeitos, segue sen haber rastro da presunta indignación da afección coas actuacións dos do asubío, xa que seguimos sin presionalos absolutamente nada a pesar do moito que nos levan perxudicado.