quinta-feira, 2 de setembro de 2010

Copa: Alcorcón, 3-Celta, 2.

Despropósitos defensivos indignos dun equipo de segunda división e atraco arbitral: un cóctel demasiado explosivo para o Celta, que dixo adeus á Copa ás primeiras de cambio ao caír derrotado en Alcorcón na prórroga.

A pesar de que o partido non se puido seguir pola televisión e ningún membro de Esmorga Zeleste viaxou ata Madrid, calquer análise ten que pasar polos tremendos erros que custaron os dous últimos goles locais nos minutos 90 (cando o partido parecía case sentenciado para o Celta), e 2 da prórroga. Erros imperdoables que custaron a eliminación e que cómpre solucionar porque xa foron noticia nos dous partidos oficiais que levamos esta temporada.

Pero se os fallos propios foron sangrantes, os alleos foron de xulgado de garda. Onte tocoulle a quenda a un canario apelidado Trujillo Suárez, que se sumou á corrente dos últimos meses que semella ter como obxectivo glorificar ao Alcorcón, equipo que se está na segunda división é en gran medida grazas a algún roubo arbitral. O elemento este inventou un penalty cómico a favor dos madrileños, perdooulle a expulsión a un xogador local por golpear a Joan Tomàs e non quixo saber nada do que aconteceu na área, onde Papadopoulos foi derrubado en dúas ocasións, polo menos unha das cales era un penalty flagrante. Non contento, expulsou a Víctor Fernández e Bustos (ambos os dous xustamente), ao segundo adestrador e ao médico do Celta. Non vos parece demasiado e todo no mesmo sentido como para acreditar en casualidades? Igual que cos erros defensivos, segundo partido oficial no que saímos gravemente perxudicados.

Polo demáis non deberiamos pór o berro no ceo por termos caído eliminados, xa que o interese desta competición é moi discutible a non ser que che toque un grande de primeira división (algo que non ía acontecer na terceira rolda) ou que chegues á final (algo absolutamente utópico). É certo que doe perder deste xeito, pero donde de verdade se xogan as fabas é na liga. Así que temos que pensar no vindeiro partido, en recuperármonos e en puntuar en Soria.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.