segunda-feira, 25 de abril de 2011

Celta,1 -Ponferradina, 1.

Pódese dicir que o Celta se despediu definitivamente do ascenso directo á primeira división; a distancia cos dous primeiros puntos é xa de 9 puntos cando quedan só 7 partidos, polo que agora haberá que conformarse con tentar de acadar un dos lugares de play-off.

O partido do sábado en Balaídos foi un desastre, con pouco destacable no primeiro tempo e nada no segundo e, por riba, non se conseguiu nin siquera aguantar o 1-0 que marcara David Rodríguez. Aínda que enfronte estaba unha Ponferradina que amosou moi pouquiño, inexplicablemente os nosos xogadores foron de máis a menos e remataron recuando sen sentido, tanto que nos minutos de desconto fuxiron 2 puntos que estaban no peto.

Se ben a imaxe que deixou o equipo foi bastante lamentable e non se fixeron méritos para gañar, tamén hai que destacar que volveu haber erros arbitrais con influencia no resultado final. Jaime Latre expulsou a Mateo por dúas chorradas (o segundo cartón foi por tocar coa man un balón despois de ser obxecto dunha falta non sinalada), pero non quixo xulgar coa mesma severidade unhas cantas accións de xogadores bercianos. A eterna dobre vara de medir. E para rematar, no minuto 92 non pitou falta nun empurrón de De Paula a Jonathan Vila que serviu para que o descerebrado dianteiro Yuri (este si que merece volver á Segunda B) anotase o empate. Despois de que en Albacete saísemos beneficiados dun erro arbitral, agora volvemos ás andadas pero, como sempre, en Vigo ninguén di nada.

segunda-feira, 18 de abril de 2011

Albacete, 0-Celta, 1.

Coa vitoria conseguida onte en Albacete, o Celta puxo fin á súa nefasta xeira de xornadas sen gañar. Os tres puntos non serven para acurtar distancias con Betis e Rayo Vallecano, que semellan lanzados cara ao ascenso, pero si para recuperar a confianza e manterse no primeiro dos lugares que dan dereito a xogar a promoción.

Igual que hai dúas semanas en Sevilla, David Rodríguez marcou nos primeiros minutos, logo dun control no que se puido axudar co brazo. Pode ser o primeiro partido da liga no que o Celta sae beneficiado dun erro arbitral, pero aínda así o balance non deixa de ser escandaloso na nosa contra. Esta vez os celestes souberon manter a avantaxe, sen facer un fútbol marabilloso pero si creando un bo feixe de ocasións de gol e impedindo que o Albacete crease demasiado perigo ata os últimos minutos do partido. Perto do final, unha decisión arbitral (minutos despois de que Michu reclamase un penalty) estivo a piques de botar por terra o traballo, xa que sinalou como falta un piscinazo dun dianteiro local, pero a sacou fóra da área.

As numerosas baixas, entre lesións e sancións, coas que acudía o Celta á Mancha propiciaron que Jota saltase ao campo como titular e que Mateo dispuxese de 20 minutos na segunda metade. Un e outro, pero especialmente o rapaz da Barbanza, deixaron mostras da súa calidade e de que poden ser pezas importantes do equipo nun futuro próximo.

segunda-feira, 11 de abril de 2011

Celta, 1-Valladolid, 2.

Mal partido do Celta e nova derrota fronte a un Valladolid que foi mellor, pero...

  • Que ten que pasar na área dos rivais para que nos piten un penalty a favor?
  • Como é posible que o Celta non lance un penalty desde hai 30 partidos sendo un dos equipos máximos goleadores?
  • Por que en todos os partidos hai algunha decisión arbitral que nos perxudica?
  • Somos tan bos que nos podemos permitir xogar con dous regulamentos sen que protestemos?
  • Alguén ten algunha dúbida de que nesta liga hai moitas cousas que cheiran a merda? Casualidades aínda?
  • Merecemos ascender cando non conseguimos defendernos nin protestar enerxicamente ante os reiterados roubos?
  • Por que os árbitros están pendentes da nosa bancada (non así dos berros racistas e bandeiras fascistas que hai noutros campos) e non queren ver o que pasa nas áreas? (derrubo a De Lucas diante dos fuciños de Pérez Montero).
A redacción da acta arbitral reflectiu a presenza na bancada de dúas faixas e que a afección berrou "Federación manipulación". Unha nova bulra aos siareiros por parte dos estamentos do fútbol . Desde este blog quero aplaudir a iniciativa de Celtarras e Comando Celta de amosar as ditas faixas e denunciar o pouco respeito que nos teñen desde as altas esferas aos afeccionados.

FEDERACIÓN MANIPULACIÓN!!!!


terça-feira, 5 de abril de 2011

Xa abonda de persecucións

Semella que a nefasta actuación de Gil Manzano no Benito Villamarín está a servir para que en Vigo nos decatemos do pouco que nos serviu estarmos calados antes os reiterados atropelos arbitrais. Mentres que desde este blog levamos moito tempo a denunciar a situación (outros falaban de casualidades e buscaban excusas absurdas), parece que agora ata a prensa reaxiu e se fai eco do escándalo, é certo que de xeito bastante cínico porque ata agora calaran como petos. A carreira polo ascenso está a ter demasiados obstáculos (non todos deportivos) e parece non interesar que o Celta estea arriba.

O celtismo non pode seguir a consentir esta sangría de puntos nin que os ineptos do asubío xoguen coas nosas aspiracións. E a mellor maneira é que se escoiten os nosos berros; de pouco vale axitar calcetíns, sacar bolsas do lixo ou amosar cartóns vermellos se Balaídos non é un clamor presionando e protestando cando nos rouban.

domingo, 3 de abril de 2011

Betis, 1-Celta, 1.

Que máis necesitamos para protestar en condicións e esixir que se nos repeite? Algúns levamos meses a denunciar os reiterados roubos que vén sufrindo o Celta, mentres outros preferían crer en casualidades e nos acusaban aos "mal pensados" pouco menos que de paranoicos. Pois velaí está outra proba de que a liga española está completamente manipulada e adulterada. A arbitraxe de Gil Manzano no Benito Villamarín foi un novo escándalo, un máis que engadir aos que leva padecido o Celta e un máis a engadir no currículum deste individuo, ao que xa lembrabamos polos dous puntos que nos birlou no campo do Villarreal B.

O Celta tivo que loitar contra demasiados obstáculos, empezando polas baixas e seguindo polo rival, o que pasa por ser mellor equipo da categoría, con xogadores de ataque de bastante nível. As cousas se puxeron de cara moi cedo co gol de David Rodríguez, pero pouco e pouco o Betis se foi botando arriba e creando perigo ante un Yoel moi acertado, malia que nós tamén tivemos as nosas opcións á contra. O partido estaba a ser moi dinámico e entretido e o Betis conseguiu empatar, pero aí tivo que aparecer o árbitro para decantar o partido a prol dos locais expulsando a Roberto Lago por dobre cartón, o primeiro deles absolutamente delirante.

Pese á inferioridade numérica o Celta soubo conter bastante ben o acoso do Betis, que minuto tras minuto foi perdendo folgos e chegando con menos periogo á porta de Yoel. Á media hora foi expulsado xustamente Belenguer e os vigueses aproveitaron o desconcerto local para dominar o partido e dar a sensación de que se podía conseguir o segundo gol. Grave erro, xa que Gil Manzano estaba alí para algo e se lle ocurriu expulsar a Iago Aspas para darlle aínda máis facilidades ao Betis, pero malia todo os celestes souberon aguantar os 10 minutos que quedaban e amarrar un punto que, visto o visto, é moi valioso e rompe os prognósticos dalgúns aos que adulterar a liga lles está a costar máis do que quixeran. Os minutos de desconto foron un auténtico recital arbitral, con continuas decisións erróneas (un córner, faltas, varios saques de banda) que sempre beneficiaban ao mesmo. Moi curioso todo.

Este novo atraco ten que servir para que ao celtismo lle caia dunha vez a venda dos ollos. Non se pode seguir consentindo que se rían de nós desta maneira pero imaxino que a indignación de hoxe se irá esvaecendo e no próximo partido non haberá apenas protestas nin se presionará nada. Como moito, algunha medida friki tipo calcetinada que só servirá para que nos vacilen aínda máis.

Un último feito que cómpre salientar é a impresentable actitude dos comentaristas de Canal +, que partido tras partido deixan máis claras cales son as súas preferencias e se convirten en auténticos forofos dos equipos que eles teñen sinalados nas súas quinielas para ocupar os primeiros postos e que, polo que se ve, son Betis, Rayo Vallecano e Granada. Especialmente nauseabundos son os comentarios do tal Raúl, un individuo que non pasou de ser un futbolista mediocre e que atopou na televisión un choio inexplicable para as súas nulas dotes como informador.