domingo, 27 de fevereiro de 2011

Gimnàstic, 1-Celta, 2.

O soño de volver á Primeira División cada vez semella máis viable. Queda moitísima liga, pero o Celta non dá sinais de febleza e apuntalou o seu liderato aproveitando a goleada que sufriu o Rayo Vallecano en Huesca. Deste xeito, os madrileños quedan 4 puntos por baixo nosa e o Betis, que volveu gañar despois de 5 derrotas consecutivas, manténse a 5.

O partido de onte en Tarragona volveu deixar a imaxe dun Celta superior, dominador e controlador do xogo sabendo como atar ao rival. O único reproche que se lles pode facer aos nosos é que nos últimos 20 minutos, tras o gol local, pasasen algúns apuros que nos fixeron temer pola perda da avantaxe, se ben é certo que apenas houbo opcións de gran perigo.

Aproveitando que nunha semana vai haber que disputar tres xornadas de liga, Paco Herrera fixo algúns trocos no equipo titular. Hugo Mallo, aínda non recuperado de todo das súas molestias, quedou en Vigo e o seu posto foi ocupado por Murillo -de volta da lesión-, que pasou algúns apuros pero que cumpriu ben. David Rodríguez non disputou nin un só minuto e o seu posto na punta foi ocupado por un Iago Aspas que deixou detalles da súa gran clase e, por riba, marcou o primeiro gol da tarde. Por último, Álex López tamén comezou no banco en beneficio de Michu, que non marcou pero que fixo un traballo moi produtivo. É unha gran noticia que os xogadores importantes estean en perfecta forma, pero tamén o é que os teoricamente suplentes poidan suplir con garantías eventuais baixas e, ata agora, así está a ser.

O xoves ás 8 da tarde temos unha gran oportunidade para nos afianzar no primeiro posto, xa que recibimos ao Huesca en Balaídos. Despois de que os aragoneses se salvasen o ano pasado en Vigo grazas máis á apatía celeste que por méritos propios, esta vez non caben relaxacións nin confianzas.

domingo, 20 de fevereiro de 2011

Celta, 1-Tenerife, 0.

Fin de semana redonda para o Celta: o pinchazo do Rayo Vallecano deixábanos por segunda semana consecutiva a posibilidade de acadar o primeiro posto da clasificación e conseguímolo con moitos apuros e grazas a outro gol do criticado Michu. Ademáis, o Betis sufriu a súa cuarta derrota consecutiva e queda na terceira praza a 5 puntos dos nosos, mentres que o primeiro equipo que está fóra dos postos de play-off é o Girona, con 15 puntos menos que o Celta. Pouco máis se pode pedir.

O rival de onte, o Tenerife, un equipo feito con aspiracións de ascenso (que moitos puñan como modelo de boa plantilla alá polo mes de agosto) pero que está a facer unha temporada nefasta, chegaba a Vigo en clara liña ascendente logo de derrotar a Salamanca e Rayo Vallecano. Se cadra estas dúas vitorias fixeron que os canarios considerasen que sacar un punto de Balaídos era un extraordinario botín e puxeron todo da súa parte para amarralo. O problema foi que o Celta non xogou un bo partido, Trashorras desapareceu do mapa, De Lucas estivo inusualmente desacertado e iso tamén o notou David Rodríguez, que non dispuxo de bos balóns e, malia dispór de dúas boas ocasións no primeiro tempo, perdeuse na mediocridade xeral.

Enfrente, o Tenerife renunciou completamente ao ataque e o seu único perigo foi un chut de Nino que saíu fóra demasiado cruzado. Iso si, no traballo defensivo cumpriron con corrección e bloquearon aos nosos homes máis importantes. Pola banda local, tampouco se conseguiu pór en grandes apertos ao excéltico Sergio, aínda que é certo que os trocos feitos por Herrera conseguiron darlle máis mobilidade e incisividade ao noso ataque. E tivo que ser precisamente unha combinación entre dous dos recén entrados a que orixinase o gol no minuto 89: Iago Aspas buscou a frontal da área e cedeulle o balón a Michu, que enganchou un forte e preciso lanzamento que entrou pegado ao poste no medio do estoupido de alegría dunha afección que acudiu nun número bastante aceptable para o que estamos afeitos.

De calquer xeito, que teñamos conseguido este pequeno obxectivo non nos pode facer perder o norte: quedan aínda 17 xornadas e non gañamos aínda nada. Só coa mesma constancia e humildade poderemos manternos nos postos de ascenso, pero sería bo que os afeccionados apoiásemos máis ao equipo, acudindo en maior número ao campo e, sobre todo, animando máis e non só co vento a favor.

segunda-feira, 14 de fevereiro de 2011

Córdoba, 0-Celta, 0.

Malia que non aproveitou a ocasión de acadar o primeiro posto, o Celta afiánzase nos lugares de ascenso co empate colleitado onte en Córdoba. As derrotas de Betis e Rayo Vallecano nos daban a oportunidade de tomar o liderato e non o conseguimos, pero puidemos manter a espectacular xeira de 12 partidos seguidos invictos e afastarnos un puntiño máis do terceiro clasificado.

En parte do celtismo quedou un mal sabor de boca polo punto de onte, algo que tristemente vén sendo habitual cada vez que non se gaña (pensamos que somos o Barcelona?). É certo que os nosos non xogaron un gran partido e que en certos momentos pareceron preferir asegurar o empate e arriscar só o xusto, pero é absurdo pensar -como parece que facían algúns- en ascender na xornada 24 e o importante é manter a traxectoria, que segue a ser sobresaínte.

O Córdoba apostou por unha táctica conservadora e non se botou arriba case en ningún momento. Mentres, o Celta parecía esperar algún adiantamento de liñas dos locais para sorprendelos e, de feito, as nosas mellores xogadas no primeiro tempo chegaron logo de retrasar os balóns aos centrais para tentar de provocar a apertura de liñas dos andaluces. Tras uns primeiros 45 minutos con pouco que reseñar, a entrada no campo de Iago Aspas e Dani Abalo pareceu dar máis mordente ofensiva aos nosos, xa que nin Michu nin David Rodríguez estaban a ter o mellor día. Mentres o Córdoba se facía cada vez máis conservador e se conformaba escandalosamente co punto, os célticos crearon algunhas opcións de bastante perigo que non se puideron transformar en gol, especialmente das que dispuxeron Álex López, Iago Aspas e David Català.

Analisándoo friamente, o empate é un bo resultado; está claro que puido ser mellor, pero tampouco sabemos como tería respondido o Córdoba a unha eventual táctica máis arriscada dos nosos. Logo da vitoria do pasado luns fronte ao Numancia seguimos a estar un punto por riba da chamada "media inglesa", que -iso si- debemos manter derrotando este sábado ao decepcionante Tenerife.

quarta-feira, 9 de fevereiro de 2011

Celta, 4-Numancia, 0.

Unha semana despois de abandoalos, o Celta volveu aos postos de ascenso grazas á goleada que lle endosou ao Numancia e ao terceiro tropezo consecutivo dun Betis que non é tan inalcanzable como se pensaba ata comezos de ano.

Nun horario inhabitual (luns ás 9 da tarde), Balaídos presentou unha entrada superior ao esperado e a ocasión ben o merecía, xa que os nosos viñan de conseguir 10 puntos nas 4 últimas saídas e tiñan a oportunidade de recuperar a segunda praza que cederan momentaneamente tras o empate en Barcelona. O ambiente foi in crescendo e o público, que comezou algo frío (agás uns volcadísimos Celtarras, que non pararon de animar) rematou cantando a Rianxeira e facendo a onda, algo que había moito tempo que non se vía no noso campo. E abofé que o equipo non defraudou: tras dúas boas ocasións de David Rodríguez e De Lucas, unha boa combinación entre estes xogadores serviu para que o noso goleador abrise a lata dun Numancia que creara tamén perigo con dous lanzamentos aos postes. Este gol deu un xiro importante ao partido, xa que o Celta se foi facendo co leme e o Numancia non conseguiu frealo malia demostrar ser un equipo que aposta polo fútbol, o que sempre é de agradecer nunha liga tan escasa de espectáculo como a actual. E así foron chegando máis goles para ledicia dunha afección cada vez máis entregada: De Lucas deu dúas asistencias máis para engadir á súa ampla lista e David Rodríguez e Roberto apuntillaron aos sorianos, que aínda encaixaron un último tanto obra de Dani Abalo tras unha bonita xogada persoal.

O partido deixou tamén unha xogada para a discusión, a do primeiro gol. O medio numantino Dimas aproveitou o inicio dun ataque céltico para tirarse ao chan, pero, ao contrario do que soe ser habitual, os futbolistas do Celta non enviaron o balón fóra e a xogada rematou en gol. Tan absurdas me parecen as protestas dos visitantes como as xustificacións do sector máis acomplexado do celtismo (o que sempre quer sacarlle punta a todo), xa que o presunto lesionado se incorporou instantaneamente en canto marcou David Rodríguez. Un teatreiro máis que quedou en evidencia malia que algúns pretendan converter aos verdugos en vítimas. Coido que dunha vez por todas hai que pórlle freo a estas trampas tan habituais e o Celta parece disposto a non deter o xogo agás un caso de gravidade; unha medida sen dúbida moi atinada que evitará os enganos e malas artes tan ao uso na liga estatal.