sábado, 30 de outubro de 2010

R.Huelva, 1-Celta, 1.

O Celta saiu bastante airoso do que ata agora é o seu pior partido da temporada, colleitando un empate que ten un bo sabor para o que se viu sobre o campo. Os de Paco Herrera saíron co mesmo once que na xornada pasada agás a entrada obrigada de Yoel por lesión de Falcón, e o caso é que o equipo reincidiu en erros que xa amosara hai sete días, fundamentalmente centrados na liña de creación onde Álex López, Bustos e López Garai fixeron un mal partido e Trashorras volveu optar por desaparecer do campo.

Con este panorama, o Huelva, sen facer nada do outro mundo, puido conseguir o seu primeiro triunfo do ano porque puxo máis interese e creou máis perigo que os nosos, pero non o fixo porque aínda teñen máis limitacións que nós. Os locais non tiveron reparos en parar con contínuas faltas aos xogadores vigueses, para o cal contaron co visto bo de Pino Zamorano, que non castigou a reiteración. Mediado o segundo tempo, Michu conectou un remate de cabeza que supuxo o empate e parecía que iso podía supór o punto de inflexión cara a unha mellora do xogo, pero o Celta nunca conseguiu impór o seu xogo e mesmo ao final houbo que dar por bo o empate despois de que a un dos xuíces de liña lle entrase un ataque de protagonismo e decidise que Roberto Lago debía ver o segundo cartón.

Así pois, obtívose un punto que supón a novena xornada consecutiva sen perder e a confirmación do Celta na zona alta da táboa. É certo que o partido dos nosos foi malo, pero non ten sentido retomar o catastrofismo como están a facer algúns celtistas: pensabamos que iamos ascender sen nos despeinar? Acaso non é o Huelva un dos equipos dos que todo o mundo falaba como aspirantes ao ascenso (algún mesmo o puña de modelo)? Tampouco lle vexo moito sentido á teoría de que o Celta sen Quique De Lucas baixa moitos enteiros; claro que se nota a baixa do catalán, pero por que non se dixo nada disto cando fixemos unha gran segunda parte en Vila-Real sen que el estivese no campo?

O vindeiro domingo recibiremos en Balaídos ao Betis, probablemente o mellor equipo da categoría. A importancia dos puntos e as contas pendentes que temos desde hai anos cos andaluces son motivos suficientes para que o celtismo se deixe de predicións apocalípticas e acuda ao campo para animar con gañas aos nosos. Unha vitoria podería ser a confirmación do Celta como aspirante ao ascenso, pero un mal resultado tampouco sería un descalabro porque aínda queda moitísima liga.

quinta-feira, 28 de outubro de 2010

Comunicado de Celtarras

Reproducimos neste blog o comunicado que publicou Celtarras en celtarrismo.blogspot.com:

Pasados xa uns días dende o Celta-Granada, todavía estamos abraiados coa actuación deses que se denominan Cuerpos y Fuerzas de Seguridad del Estado antes, durante e despois do mesmo, no que montaron un espectáculo moi propio neles, xa dende o seu paso por diante da zona frecuentada por nós antes dos encontros dando golpes contra a chapa do seu furgón dende o interior déste, ata o posterior despregue de efectivos que se situaron na porta de acceso e no interior mesmo de Preferencia Lateral.

Xustificando a súa acción nunha suposta agresión a un compañeiro seu no entrontro Celta B-Coruña B, interceptaron a varios compañeiros para identificalos (algúns deles xa se atopaban no interior da bancada) e denuncialos por un feito no que NINGÚN participou. Foi un ataque inxustificado contra mozos celtistas aos que elixiron a dedo (así o afirmou algún axente entre sorrisos) para pagar por esa suposta agresión na que dan por feito que foi levada a cabo por xente de Celtarras, eses aos que non é aplicable o de que un é inocente ata que non se demostre o contrario, e se hai algo que evidentemente non poderán facer nesta ocasión, é demostralo, porque sinxelamente, e repetímolo unha vez máis, non participaron en nada do que se lles acusa.

Ante estes lamentables acontecementos, non queda outra que estar máis unidos que nunca, axudar ao máximo a esta xente, e agardar que se faga xustiza e vencer un novo ataque dos que pensaban que Celtarras estaba medio morto e agora non toleran que volva a estar tan vivo como facía anos que non o estaba.

domingo, 24 de outubro de 2010

Celta, 1-Granada, 1.

Rematou a boa xeira de triunfos en Balaídos, aínda que non a que leva o Celta de 8 partidos invicto. O filial da Udinese soubo contrarrestar ben as bazas nas que os vigueses están a basear o seu gran inicio de temporada e levaron o partido a onde lles conviña, a un xogo lento no que se necesitaba mover moito o balón para crear opcións de perigo.

O Celta tivo máis posesión do balón e chegou máis veces a área rival, pero apenas creou opcións claras de gol, apartado no que só foi lixeiramente superior ao Granada. Non se pode dicir que, por xogo, o resultado sexa inxusto, se ben unha arroutada final dos vigueses a piques estivo de deixar os tres puntos na casa mentres os andaluces -un equipo bastante mellor que a media da categoría- recurriron neses intres finais ao xogo duro e a perdas de tempo.

Paco Herrera deulle a titularidade a Iago Aspas despois do bo rendemento ofrecido en Vila-Real e o moañés respondeu facendo outro gol de bandeira. Tamén volveu ao once inicial Trashorras, pero as suas prestacións non tiveron nada que ver coas da semana pasada, xa que freou demasiado o xogo e por momentos foi un lastre no xogo colectivo vigués. Tampouco López Garai e Álex López tiveron o seu mellor día e non se deron importo ao medio do campo rival.

A pesar de que non fose o noso mellor partido, hai que lamentar unha vez máis que un erro arbitral nos custou dous puntos, xa que o gol do equipo branco e vermello chegou logo de que o dianteiro que deu o último pase se atopase en fóra de xogo. Haberá quen diga que a posición ilegal o era por pouca distancia e é certo, pero se o dianteiro está máis adiantado que o defensa é fóra de xogo e punto, así que dous puntos máis que engadir ao balance dos árbitros na nosa contra. Se é verdade o que din algúns (empeñados en discutir o indiscutible e en botar balóns fora en vez de poñer o berro no ceo ante os reiterados atropelos que sufrimos) de que ao final da temporada os erros a prol e en contra quedan compensados, moito nos van ter que axudar nas próximas semanas para deixar equilibrado o balance, que ata agora temos en -7 puntos (3 do Barcelona B, 2 do Villarreal B e 2 do Granada).

A asistencia de público ao estadio volveu superar os 10.000 afeccionados, pero non se chegou á cifra do partido co Alcorcón. O celtismo volveu estar bastante frío e só lle deu bos azos ao equipo nos últimos 10 minutos. Tampouco se protestaron apenas as decisións de Jaime Latre, demostrando unha vez máis que para moitos, a indignación e os propósitos só quedan en páxinas de Internet.

segunda-feira, 18 de outubro de 2010

Villarreal B, 2-Celta, 2.

A pesar de que o Celta continúa a súa boa xeira de resultados e segue a ofrecer moi boas sensacións, o sábado en Vila-Real non puido acadar a que sería a sétima vitoria consecutiva porque o árbitro sinalou a falta dun minuto para o remate do partido un inexistente penalti que deu lugar ao empate final.

A baixa de última hora de De Lucas serviu para que Paco Herrera confiase en Papadopoulos. Durante a primeira parte o xogo do Celta careceu da fluidez doutros días, malia que dominou a posesión do balón. Aínda que o Villarreal B case non creou perigo, un erro de marcaxe de Català foi aproveitado polo vigués anticeltista Falque para darlle ventaxa aos amarelos. Na segunda parte acentuouse o dominio vigués, especialmente tras as entradas de Trashorras, Iago Aspas e Michu e, con dous preciosos goles de Iago Aspas (de espuela) e Hugo Mallo conseguiuse remontar o partido. Cando os puntos parecían tomar o camiño de Vigo, unha estrana saída de Falcón deu cos ósos dun dianteiro local no chan; ante a sorpresa xeral, Gil Manzano(desapercibido ata entón) pitou penalti. Para moitos celtistas, entre os que me inclúo, non existe falta do noso porteiro, que sae a chapar o balón mentres que o dianteiro ignora a traxectoria do mesmo e busca o choque. O caso é que esta decisión facilitou que perdésemos dous puntos, se ben hai que valorar moi positivamente tanto o visto sobre o campo como o punto conseguido, que nos permite manternos no alto da táboa empatados co Rayo Vallecano e cun Betis que foi escandalosamente axudado polo árbitro do seu partido ante o Girona.

A polémica decisión arbitral está a servir para que moitos afeccionados amosen a súa indignación, o cal non é para menos se engadimos esta arbitraxe ás que sufrimos contra Barcelona B (dous penaltis non sinalados a prol do Celta), Tenerife (penalti de Roberto Lago), Huesca (penalti de Trashorras) e na copa en Alcorcón. Hai quen di que non se pode falar de mala fe nin de conspiracións e que os erros un día perxudican e outro favorecen, pero nas tres últimas temporadas cantos puntos nos levan custado os “erros” arbitrais? É tan sinxelo como revisar as imaxes dos partidos destes anos e facer un balance: o resultado é auténticamente escandaloso e cómpre acabar dunha vez con esta sangría.

A fin de semana rematou da mellor maneira para o celtismo coa vitoria do equipo filial ante o Coruña B cun gol de Carlos David perto do remate. Os coruñeses e a RTVG lamentan a súa mala sorte e culpan á actuación arbitral da derrota mencionando só unha decisión que os perxudicou (esquecendo nas que saíron beneficiados), pero os puntos foron para o único equipo que buscou a vitoria e que creou todas as ocasións de gol. A boa noticia foi a extraordinaria entrada que presentou o campo de Barreiro (por fin), con máis de 2000 persoas; agora trátase de que todos os que foron e non son habituais nos partidos do Celta B, volvan dentro de 15 días, porque os rapaces precisan do noso apoio sempre, non só cando hai partidos morbosos. O liderato que ostentan ben o merece.


sábado, 16 de outubro de 2010

O Celta B, un líder con pouco apoio

O comezo de temporada está a ser espectacular para os equipos máis sobranceiros do Real Club Celta. Se os maiores encabezan a clasificación da Segunda División igualados co Rayo Vallecano, o filial leva dúas semanas ocupando o liderato do grupo 1 da Segunda B e os xuvenís da División de Honra fan o propio na súa categoría. Unha boa noticia para un celtismo que parece recuperar a ilusión despois de 4 temporadas malas, se ben a deserción de parte da afección xa viña de máis atrás.

A traxectoria do Celta B nas últimas temporadas ten moito mérito. Despois do seu primeiro ascenso á Segunda División B conseguido en 1992 en Zamora (daquela como Celta Turista), o filial está a cumprir actualmente o 13º ano na categoría, 10 delas de xeito ininterrumpido. Por Vigo teñen pasado varios adestradores e o equipo sufre constantes cambios na súa plantilla porque -a diferenza doutros filiais- soe apostar por rapaces de ata 23 anos. Nesta última xeira, só unha vez correu risco importante de descenso, nunha ocasión chegou a disputar a fase de ascenso a Segunda A e a meirande parte dos anos rematou nos postos mornos da táboa, chegando a practicar un moi bo fútbol en bastantes xornadas.

Esta temporada non foi unha excepción á tónica habitual, xa que chegaron ao clube 8 novos xogadores (Sergio Rodríguez, Gaffoor, Víctor Fernández, Édgar, Eder, Permuy, Ikechi Anya e Pazó) máis varios rapaces que definitivamente subiron ao equipo (Jota, Manu Táboas, Benja). A pesar desta renovación, o equipo -que non practicou un gran xogo en varios dos partidos que lle puiden ver- se empoleirou ao primeiro posto e mañá domingo terá ocasión de defendelo na casa ante o Coruña B.

Pero dentro desta festa hai un feito moi decepcionante. Desde Esmorga Zeleste xa escribimos en varias ocasións sobre o pouco apoio que o celtismo lle presta ao Celta B, que actualmente é o terceiro mellor filial do fútbol estatal. É moi probable que mañá acudan ao campo de Barreiro moitos afeccionados atraídos polo liderato e polo morbo de que o rival sexa o Coruña B; facilmente se encherá o campo e todos marcharán coa idea de que o filial interesa, pero moi poucos voltarán ao próximo partido. Os que imos habitualmente ao recinto de Lavadores sabemos que as asistencias de público son ridículas para un equipo deste nível, pois dificilmente se superan os 500 espectadores.

Facemos un chamamento ao celtismo para que apoie tamén aos que cecais sexan parte do futuro do noso equipo porque tamén son Celta e o están a merecer de sobra. Se somos 13.000 abonados e podemos entrar de balde nos partidos da canteira, é moi triste que a bancada de Barreiro (na que collen só unhas 1.000 persoas) só se encha cando vén o Coruña B ou o Pontevedra. E o resto do ano que? Porque para falar do bos que son algúns xogadores sobran teóricos, aínda que en realidade nunca ou case nunca os teñan visto xogar.

domingo, 10 de outubro de 2010

Celta, 3-Alcorcón. 0.

O Celta ratificou a súa gran traxectoria cunha goleada incontestable nun partido no que mandou de principio a fin e no que mereceu unha avantaxe maior. Con esta vitoria (a sexta consecutiva), os celestes sitúanse no primeiro posto da táboa, algo que non acontecía desde hai máis de cinco anos.

Temíase a visita do Alcorcón, un equipo recén ascendido que está a sacar moita guerra e xa leva 11 puntos, pero os madrileños foron un xoguete en mans do Celta por moito que a web do clube visitante cuestione e lle quite méritos a vitoria do Celta con toda clase de excusas; isto demostra a pouca idea que teñen algúns de fútbol porque, obviamente, nin fan mención ao xogo duro dos seus.

Os celestes foron onte un equipo moi equilibrado: a defensa estivo moi segura, destacando o traballo dos laterais, amos e señores das súas respectivas bandas e incorporándose con moito perigo ao ataque (Roberto culminou a súa actuación cun gran gol). Na media, Álex López segue a medrar como xogador, facendo un equipo perfecto con Bustos e López Garai, que mellorou anteriores actuacións. E arriba, ás boas prestacións de David Rodríguez e De Lucas -habituais no que levamos de temporada- haille que engadir o extraordinario partido feito por Joan Tomàs, substituto do sancionado Trashorras, que marcou un gol e deu os pases dos outros dous, ademáis de volver tola á defensa visitante.

A afección acudiu en maior número ao campo e disfrutou co xogo do equipo, pero temos que conseguir superar eses case 11.000 asistentes. Ogallá en Vila-Real se poida manter a boa xeira e o vindeiro partido en Balaídos (ante o Granada) sexa unha festa.

domingo, 3 de outubro de 2010

Huesca, 1-Celta, 2.

A boa xeira de resultados do Celta continúa e xa son cinco as vitorias consecutivas, o que serve para que o equipo se afiance na zona alta da clasificación. O de onte non foi o mellor partido dos nosos, pero si serviu para comprobar que o equipo é quen de se sobrepór ás incidencias en contra grazas, unha vez máis, á súa verticalidade e capacidade de sufrimento.

Tras unha primeira parte onde dominou o Huesca e os celestes case non crearon perigo, o gol de De Lucas abriu a lata e serviu para que o Celta se botase arriba e tivese varias oportunidades para resolver o partido. Pero entón apareceu outro incapaz do gremio arbitral (a este non o coñeciamos porque é un recén ascendido, pero ogallá non o volvamos ver diante) que convertiu en penalty a prol do Huesca unha xogada que en principio sancionara con falta do atacante e amoestación por tirarse. Ademáis, o cambio sobre a marcha do colexiado navarro supuxo a expulsión de Trashorras e tres cartóns para xogadores célticos. Se esta semana se sabía que o Celta era o máis deportivo da categoría polo número de amoestacións recibidas, tivo que aparecer este individuo para amosarlle oito cartóns amarelos a un equipo que non deu patadas. Ver para crer.

Por sorte, cando pior pintaban as cousas e o empate semellaba un mal menor, apareceu David Rodríguez para recibir un pase de Joan Tomàs e encarar como unha frecha a área aragonesa e bater a Cabrero. Un gol que nos deu tres puntos moi valiosos e que nos reafirma na boa liña que ogallá manteñamos o vindeiro sábado en Balaídos ante o equipo dos privilexios, o Alcorcón. O celtismo ten que estar co equipo porque, polo visto ata agora, merecen de sobra o noso apoio.