domingo, 5 de dezembro de 2010

Celta, 2-Las Palmas, 0.

O Celta aséntase nos postos altos grazas á vitoria conseguida esta mañá fronte ao Las Palmas, equipo que chegaba con sona de practicar un bo fútbol e de ser un dos candidatos ao ascenso. Baixo a choiva que caía sobre Balaídos, os celestes foron superiores despois dun comezo de partido con bastantes imprecisións. Tivo que ser un gol en propia porta de Aythami no minuto 15 o que servise de aguillón aos rapaces de Paco Herrera para que pasasen a dominar claramente o xogo, creando bastantes ocasións que non se materializaron en gol.

No segundo tempo, o Celta apostou por nadar e gardar a roupa, o Las Palmas tiña máis tempo o balón pero apenas chegou con gran perigo e os locais buscaban algún rápido contragolpe que sentenciara o partido, xa que a multitude de córners que lanzaron non foron nunca unha ameaza para o porteiro canario. A entrada de Dani Abalo, Joan Tomàs e Iago Aspas e uns espléndidos últimos minutos dun Bustos que ata entón tivera menos protagonismo que habitualmente (no medio do campo destacara Álex López ata que Herrera o substituíu) foi fundamental para mudar a tendencia, recuperar a iniciativa e sentenciar o resultado grazas a un novo gol de Joan Tomàs, que aproveita como ninguén os minutos cos que conta.

O horario do partido, o mal tempo, pero especialmente a data (dous feriados nos próximos días) fixeron que a asistencia a Balaídos fose escasa, con 8.218 afeccionados que, ademáis, estiveron moi fríos durante a meirande parte do encontro agás perto do final. Neste sentido, seguimos a ter un punto negro, xa que o equipo está a merecer este ano un maior apoio do que lle estamos a brindar os celtistas.

Por último, celebrar que a actuación arbitral non nos supuxese erros tan graves como nas xornadas anteriores. O andaluz Pérez Montero é un vello coñecido e fixo unha mala arbitraxe (así como os seus cegatos asistentes), pero por sorte non houbo xogadas polémicas en ningunha das dúas áreas. De todos os xeitos, segue sen haber rastro da presunta indignación da afección coas actuacións dos do asubío, xa que seguimos sin presionalos absolutamente nada a pesar do moito que nos levan perxudicado.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.