domingo, 19 de dezembro de 2010

Celta, 1-Salamanca, 0.

O Celta remata o ano a un punto da segunda praza grazas á vitoria conseguida onte ante o Salamanca, outro dos equipos que ocupan a parte alta da clasificación. Foi un triunfo moi traballado e sufrido, en boa parte polos caprichos arbitrais pero tamén polas ocasións erradas polos nosos; porén, o resultado final é unha boa inxección de moral para despedir o ano e afrontar o vindeiro partido, importantísimo, no campo do Rayo Vallecano.

Comandado por un Álex López impresionante, ao que axudaron á perfección López Garai e un Bustos que se atopa nunha gran forma, o Celta varreu do campo ao Salamanca nos primeiros 45 minutos. O balón era propiedade absoluta dos locais e sucedíanse as chegadas á área de Biel Rivas, pero os nosos xogadores semellaban ter desviado o punto de mira ata que, perto do descanso, Trashorras puido traducir o dominio nunha xusta aínda que curta avantaxe.

Tras o paso polos vestiarios non semellaban mudar as tornas, porque nos primeiros segundos David Rodríguez volveu fallar outra clara ocasión, pero aí apareceu o vello coñecido Piñeiro Crespo (o mesmo que o ano pasado falseara a acta de xeito que Català recibira unha sanción de 4 partidos por uns feitos nos que non participara) e expulsou a Murillo porque lle deu a gaña. Daquela o Salamanca meteu arriba toda a súa artillería e o Celta tivo que apostar por unha defensa numantina e de circunstancias, con Jonathan Vila de lateral dereito e Sergio Ortega e Català de centrais. Os minutos pasaban moi de vagar e mesmo houbo algunha opción de resolver o partido ata que a ridícula expulsión do salmantino Yuste equilibrou as forzas e nos permitiu chegar ao remate do partido sen tantos apertos.

Unha vez máis hai que lamentar o vergoñento espectáculo dun membro do cadro arbitral. Desde o minuto 1 tivemos moi claro que Piñeiro Crespo viña a Balaídos con gañas de festa, porque resulta difícil explicar o porqué do cartón que lle amosou (semella que a petición dos visitantes) a Murillo nada máis comezar o encontro. Hai quen fala de que o árbitro asturiano compensou os seus erros pero isto é radicalmente falso, xa que no minuto 15 do primeiro tempo lle perdoou un cartón vermello moi claro a Mario Rosas por unha dura entrada a Álex López. Despois, no 48, expulsou a Murillo de forma caprichosa e delirante por unha segunda amarela nunha man totalmente involuntaria. É certo que a postreira expulsión de Yuste tampouco ten xustificación, pero daquela o Celta xa levaba 34 minutos cun home menos por culpa da incompetencia deste personaxe: hai unha gran diferenza, non hai?

Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.