terça-feira, 28 de dezembro de 2010

Galiza-Palestina

Nin a Xunta do PP, nin a Federación Galega de Fútbol, nin algúns clubes, nin os medios de comunicación conseguiron impedir que a xornada do pasado domingo 26 de decembro en Ourense volvese acoller os actos reivindicativos da oficialidade das seleccións nacionais de Galiza.

O programa encertouse coa celebración do III Aberto da Billarda Auténtica, a actuación de Palhaços em Rebeldia e un xantar popular. A seguir tivo lugar unha manifestación desde a Praza Maior na que participaron máis de 700 persoas sob o lema "Povos em luita, selecçons irmás" acompañadas dun esaxerado e ameazante dispositivo policial.

No campo dos Remedios, e presenciado por 1500 afeccionados, disputouse o partido de fútbol entre as seleccións de Galiza e Palestina, que rematou coa vitoria do noso combinado por 6-3. Como fin de festa, na Praza da Magdalena actuaron os grupos Som do Galpom, Royalties e Keltoi! perante 600 persoas.

Siareir@s Galeg@s valorou a xornada "como um éxito rotundo que, mália todo-los obstáculos que nos puxerom por diante desde as instituções, fossemos quem de atingir o êxito graças a autogestom e a experiência acumulada de anos anteriores. Consideramos mui bom síntoma que fossemos quem de sair avante sem nengum tipo de ajuda a excepçom do enorme apoio popular com o que seguimos a contar". Malia todos os atrancos, a chama da reivindicación segue acesa, e pouco importou que o triunvirato goberno-prensa-federación fixese todo o posible por apagala. Mesmo resulta penoso que algún partido político que se di nacionalista esqueza completamente o traballo de Siareir@s Galeg@s e prefira adoptar unha postura tépeda e timorata diante da agresión que supón rematar coa nosa selección nacional. Outro dato negativo é que non asista máis xente, xa que resulta chocante ver como "quedaron polo camiño" máis de 20.000 persoas das que chegaron a asistir a aquel Galiza-Camerún disputado en Vigo hai 3 anos (semella que para moitos, a selección galega non foi máis que unha moda pasaxeira).

Avante coas seleccións de Galiza! Unha nazón, unha selección!


Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.