domingo, 3 de abril de 2011

Betis, 1-Celta, 1.

Que máis necesitamos para protestar en condicións e esixir que se nos repeite? Algúns levamos meses a denunciar os reiterados roubos que vén sufrindo o Celta, mentres outros preferían crer en casualidades e nos acusaban aos "mal pensados" pouco menos que de paranoicos. Pois velaí está outra proba de que a liga española está completamente manipulada e adulterada. A arbitraxe de Gil Manzano no Benito Villamarín foi un novo escándalo, un máis que engadir aos que leva padecido o Celta e un máis a engadir no currículum deste individuo, ao que xa lembrabamos polos dous puntos que nos birlou no campo do Villarreal B.

O Celta tivo que loitar contra demasiados obstáculos, empezando polas baixas e seguindo polo rival, o que pasa por ser mellor equipo da categoría, con xogadores de ataque de bastante nível. As cousas se puxeron de cara moi cedo co gol de David Rodríguez, pero pouco e pouco o Betis se foi botando arriba e creando perigo ante un Yoel moi acertado, malia que nós tamén tivemos as nosas opcións á contra. O partido estaba a ser moi dinámico e entretido e o Betis conseguiu empatar, pero aí tivo que aparecer o árbitro para decantar o partido a prol dos locais expulsando a Roberto Lago por dobre cartón, o primeiro deles absolutamente delirante.

Pese á inferioridade numérica o Celta soubo conter bastante ben o acoso do Betis, que minuto tras minuto foi perdendo folgos e chegando con menos periogo á porta de Yoel. Á media hora foi expulsado xustamente Belenguer e os vigueses aproveitaron o desconcerto local para dominar o partido e dar a sensación de que se podía conseguir o segundo gol. Grave erro, xa que Gil Manzano estaba alí para algo e se lle ocurriu expulsar a Iago Aspas para darlle aínda máis facilidades ao Betis, pero malia todo os celestes souberon aguantar os 10 minutos que quedaban e amarrar un punto que, visto o visto, é moi valioso e rompe os prognósticos dalgúns aos que adulterar a liga lles está a costar máis do que quixeran. Os minutos de desconto foron un auténtico recital arbitral, con continuas decisións erróneas (un córner, faltas, varios saques de banda) que sempre beneficiaban ao mesmo. Moi curioso todo.

Este novo atraco ten que servir para que ao celtismo lle caia dunha vez a venda dos ollos. Non se pode seguir consentindo que se rían de nós desta maneira pero imaxino que a indignación de hoxe se irá esvaecendo e no próximo partido non haberá apenas protestas nin se presionará nada. Como moito, algunha medida friki tipo calcetinada que só servirá para que nos vacilen aínda máis.

Un último feito que cómpre salientar é a impresentable actitude dos comentaristas de Canal +, que partido tras partido deixan máis claras cales son as súas preferencias e se convirten en auténticos forofos dos equipos que eles teñen sinalados nas súas quinielas para ocupar os primeiros postos e que, polo que se ve, son Betis, Rayo Vallecano e Granada. Especialmente nauseabundos son os comentarios do tal Raúl, un individuo que non pasou de ser un futbolista mediocre e que atopou na televisión un choio inexplicable para as súas nulas dotes como informador.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.