segunda-feira, 18 de abril de 2011

Albacete, 0-Celta, 1.

Coa vitoria conseguida onte en Albacete, o Celta puxo fin á súa nefasta xeira de xornadas sen gañar. Os tres puntos non serven para acurtar distancias con Betis e Rayo Vallecano, que semellan lanzados cara ao ascenso, pero si para recuperar a confianza e manterse no primeiro dos lugares que dan dereito a xogar a promoción.

Igual que hai dúas semanas en Sevilla, David Rodríguez marcou nos primeiros minutos, logo dun control no que se puido axudar co brazo. Pode ser o primeiro partido da liga no que o Celta sae beneficiado dun erro arbitral, pero aínda así o balance non deixa de ser escandaloso na nosa contra. Esta vez os celestes souberon manter a avantaxe, sen facer un fútbol marabilloso pero si creando un bo feixe de ocasións de gol e impedindo que o Albacete crease demasiado perigo ata os últimos minutos do partido. Perto do final, unha decisión arbitral (minutos despois de que Michu reclamase un penalty) estivo a piques de botar por terra o traballo, xa que sinalou como falta un piscinazo dun dianteiro local, pero a sacou fóra da área.

As numerosas baixas, entre lesións e sancións, coas que acudía o Celta á Mancha propiciaron que Jota saltase ao campo como titular e que Mateo dispuxese de 20 minutos na segunda metade. Un e outro, pero especialmente o rapaz da Barbanza, deixaron mostras da súa calidade e de que poden ser pezas importantes do equipo nun futuro próximo.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.