segunda-feira, 8 de novembro de 2010

Celta 1-Betis, 1.

Cada vez que o Betis visita o campo de Balaídos, o desenlace do partido é bastante previsible: marrullerías, perdas de tempo, provocacións e, xeralmente, malas arbitraxes. O encontro de onte non foi unha excepción á regra e todo ese cóctel nos custou dous puntos que merecemos ter gañado, xa que o Celta fixo un gran partido, dominou ao que pasa por ser o mellor equipo da categoría e só a mala puntería e os "erros" arbitrais nos privaron de conseguir o obxectivo.

Desde o primeiro minuto os nosos saíron lanzados cara á porta de Goitia, apoiados nunha fenomenal capacidade de loita e na coñecida verticalidade que están a amosar este ano. O Betis tivo que recorrer ao que soe facer, parar o xogo e provocar; de feito, ata catro xogadores fixeron uso das angarellas para saíren do campo mentres outros como o paiaso do ex-céltico Iriney botaron man de todo o repertorio das malas artes que tan ben dominan para seguiren a demostrar que son un equipo rastreiro e noxento como ningún. O malo é que tanto perdoar e tanto esforzo físico acabou por custarnos que o Betis acadase o empate nunha das súas escasas chegadas e que quedásemos sen moita capacidade de resposta.

Para este partido, o Comité de Árbitros designou a Ceballos Silva, un vello coñecido que xa nos perxudicara gravisimamente en varias ocasións (dúas veces en Soria, unha en Salamanca e, sobre todo, unha en Anoeta que todos lembramos). O estremeño volveu demostrar onte que, ademáis dun absoluto inútil, é un provocador, como quedou claro co paripé de pasear por todo o campo un obxecto que se lanzou desde a bancada (non lle chegaba con reflectilo na acta ou é que prefería soliviantar aínda máis ao público?). Mediado o primeiro tempo non lle deu a gaña de sinalar dous clarísimos penaltys por mans de senllos defensas béticos (se non as viu, foi o único de todo o campo) pero ademáis foi o perfecto cómplice nas perdas de tempo dos visitantes e descontou só 4 minutos. Ridículo.

O máis triste de todo é que hai quen prefire argumentar que o noso gol chega precedido dunhas mans de Hugo Mallo, pero é que mesmo así, fomos clara e gravemente perxudicados ao longo de todo o partido. Parece que a algúns lles vai o de ser máis papistas có papa e dar unha imaxe de presunta lucidez e ecuanimidade que a outros nos resulta polo menos sorprendente. Esquecendo as palabras "conspiración" ou "persecución", a cuestión é tan simple como facer un balance dos "erros" arbitrais nas últimas tres temporadas, que non nos levan suposto a perda de 2, 3 nin siquera 10 puntos (pola contra, foron moitos máis). Aí estan as imaxes: é ou non como para estarmos alarmados ou sentírmonos estafados?

Volvendo á parte positiva da xornada, hai que destacar o gran partido dun Celta que recuperou a súa mellor versión, pero tamén coa boa asistencia de público ao estadio, no que case se acadaron as 16.000 persoas. Esperemos que non fose só flor dun día e que os celtistas que abandoaron ao equipo vaian volvendo ás bancadas.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.