terça-feira, 16 de novembro de 2010

Valladolid, 3-Celta, 2.

Despois do visto nos primeiros 55 minutos, é moi difícil comprender como o Celta puido ter perdido este encontro. Un erro defensivo e as expulsións dos nosos dous laterais foron chaves para que o Valladolid se atopase con tres puntos nos que nin eles propios acreditaban.

O partido púxose de costas ao pouco de comezar, xa que un erro de marca de Roberto Lago foi aproveitado por Nauzet para enganchar un gran disparo que puxo o 1-0 no marcador. A pesar disto, o Celta impuxo o seu mellor xogo e foi un vendaval en todo o primeiro tempo, conseguindo remontar grazas a senllos goles de Trashorras e De Lucas, facilitados, iso si, polo porteiro local. A avantaxe mereceu ser maior e o Valladolid tivo que recorrer a contínuas faltas, para o que contaron coa anuencia arbitral.

Na reanudación, a tónica mantívose durante 10 minutos, pero repentinamente o Celta desapareceu do campo, Bustos e López Garai se desactivaron completamente e o Valladolid se foi botando arriba ata que acadaron o empate aproveitando un erro defensivo de Català. Trashorras empezou a dar mostras de cansazo e xa non estivo tan atinado como na primeira metade, onde fixera unha auténtica exhibición.

Desde o gol de Javi Guerra, a tónica do partido pasou a ser a igualdade e ningún equipo estaba a ser mellor ca o rival, pero entón apareceu unha vez máis Miranda Torres, que expulsou a Roberto Lago por dobre cartón nunha entrada que nin siquera pareceu falta. Unha vez máis volvemos saír gravemente perxudicados do noxento criterio arbitral que abre a man ás patadas dun equipo mentres sanciona ao que menos faltas comete. Pero o show arbitral non se detivo aí, senón que pouco despois non pitou nada nun manotazo dun xogador local a Joan Tomàs e a xogada rematou nunca tangana que se saldou coas esaxeradas expulsións de Hugo Mallo e Pedro López. Iso acabou de condear ao Celta, que sen laterais resistiu como puido ata o minuto 94, no que Jorge Alonso batiu a Falcón e nos deixou sen o premio menor do empate.

Na miña opinión o Celta mereceu gañar este partido, xa que foi moito mellor durante 55 minutos mentres que os locais só nos superaron en 15. Ademáis, os celestes volveron ser agraviados por unha actuación arbitral partidista, nada descoñecido esta temporada nin tampouco con este árbitro, ao que xa coñeciamos de varias fazañas anteriores como nun famoso Cádiz-Celta. Non entendo que algúns exculpen ao colexiado cando as súas decisións condicionaron claramente o desenlace do partido nin moito menos que se carguen as culpas en Joan Tomàs, que esaxerou un manotazo, pero ao fin e ao cabo esa xogada debería ter rematado con falta a prol do Celta e cartón para o xogador local. En fin, que o cachondeo continúa pero nós preferimos facer como se nada e ir de preuntamente ecuánimes mentres continúa a cadea de “equivocacións” (sempre no mesmo sentido) e a sangría de puntos.

Unha nota positiva da fin de semana foi a boa presenza de afeccionados celtistas na bancada do Novo José Zorrilla (entre eles unha boa representación de Esmorga Zeleste), que animaron constantemente aos nosos, moito máis que a afección local, e se protestaron enerxicamente moitas das decisións arbitrais. O malo é que a indignación de moitos rematou ao saír do campo e o vindeiro domingo xa teremos esquecido todo o que nos está a perxudicar esta xente.


Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.