domingo, 21 de novembro de 2010

Celta, 3-Albacete, 1.

O Celta regresou á senda das vitorias derrotando por 3-1 ao Albacete nun partido no que non mereceu pasar os apuros que sufriu. De non mediar o penoso árbitro e se se tivesen concretado as ocasións creadas, os vigueses terían conseguido unha goleada incontestable.

O comezo do partido foi frenético e David Rodríguez, aos dous minutos, fixo un golazo que lle serviu para romper coa súa mala xeira de cara á porta. O partido foi un monólogo durante toda a primeira metade, o Albacete non pasaba do medio do campo e as ocasións se sucedían na meta visitante ata que apareceu o esperpéntico árbitro, un debutante na categoría, inventando un penalty nun forcexeo de De Lucas e De Lerma no que, de existir algo, habería falta do dianteiro.

Despois do descanso o dominio do Celta se mantivo, se ben non tan claro como antes, pero tivo que ser tras a expulsión do visitante De Lerma cando virían os goles de Joan Tomàs e Trashorras aproveitando dúas boas entradas pola banda dereita. Fechouse así unha xusta pero curta vitoria que nos permite manter a terceira praza, agora algo máis perto do líder Betis.

A pesar do 3-1, segue a ser alarmante ver como nos perxudican as arbitraxes semana tras semana. O de hoxe sinalou un penalty inexistente na nosa contra e expulsou xustamente a De Lerma, pero varias das súas decisións rozaron o absurdo, como cando amoestou a David Rodríguez logo de ter recibido un manotazo na cara. Aínda hai quen segue a defender o indefendible e a falar de que os erros se compensan, pero o que é innegable é que este ano estamos a sufrir, senón unha persecución, un cúmulo de erros dos que custa moito crer que poidan ser casuais. Só hai que facer números e lembrar os partidos ante Barcelona B, Villarreal B, Granada e Betis (nos que as erróneas decisións arbitrais nos custaron puntos) e engadir o acontecido hoxe ou en Valladolid, Tenerife e Huesca.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.