segunda-feira, 29 de novembro de 2010

Ponferradina, 0-Celta, 0.

Por primeira vez no que vai de temporada, o Celta rematou un partido sen conseguir ningún gol, pero a cambio deu mantido a propia porta a cero e conseguiu un punto que, unido ao tropezo do Rayo Vallecano, nos deixa un punto máis perto do segundo posto.

O equipo foi de menos a máis e nos primeiros 20 minutos foi superado por unha Ponferradina moi loitadora e vertical, que soubo anular ao noso medio do campo sen ter reparos en abusar das faltas. Co paso dos minutos, o partido foise igualando e David Rodríguez tivo unha espléndida ocasión que non soubo definir só ante o meta local. Nos segundos 45 minutos os vigueses dominaron máis o xogo e tiveron varias chegadas moi claras. Neste sentido cómpre destacar a mala puntería de David Rodríguez, que errou as súas catro boas oportunidades, pero tamén a gran actuación do porteiro Mackay, cuxa mellor intervención foi despexando un cabezazo de Català que se colaba pegado ao pau. Isto lle serviu ao meta coruñés para crecerse e desafiar á afección celeste que o increpaba, pero sobre todo para salvar un punto para o seu equipo.

Como é habitual en cada partido, o árbitro tivo algunha intervención decisiva no resultado final. Ademáis de ser permisivo coa reiteración de faltas dos xogadores da Ponferrada, no segundo tempo non quixo saber nada dun derrubo na área a Trashorras. Será que o reglamento prohibe os penaltys a favor do Celta? Desde logo, o desta temporada está a ser un auténtico escándalo e non sei que ten que pasar para que se tome algún tipo de medidas.

O mellor da xornada foi a boa resposta do celtismo, que asistiu nun número aproximado de 700 persoas á capital do Bierzo. É certo que Ponferrada é un desprazamento moi cómodo (o máis curto que temos este ano) pero o horario televisivo non acompañaba nin facía presaxiar nin siquera esa asistencia. Por este motivo,  algunhas peñas suspenderon as viaxes previstas, pero outras (entre elas Esmorga Zeleste) non quixeron perder a ocasión de animar ao Celta e acudiron en bo número, destacando as amplas representacións de Carcamáns e, sobre todo, de Celtarras.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.