segunda-feira, 3 de janeiro de 2011

R.Vallecano, 1-Celta, 3.

O Celta deu un golpe de autoridade traendo de Madrid os tres puntos e batindo a un rival directo, o que lle serve para acadar o segundo posto da táboa desprazando, precisamente, ao Rayo Vallecano.

O partido empezou con moi mala pinta, xa que nos primeiros 25 minutos o Rayo Vallecano foi un auténtico vendaval que soubo aproveitar os espazos que tiña polas bandas para facer subir aos laterais e crearnos moitísimo perigo. Así chegou o gol, nunha xogada trenzada, e puideron vir máis, xa que os madrileños lanzaron dous balóns que pegaron nos postes (ambos os dous en fóra de xogo, sen que o linier sinalase nada) e Falcón fixo unha gran intervención ante un remate de cabeza de Aganzo. Saír vivos desa avalancha non era malo e o Celta fíxoo; a partir do ecuador do primeiro tempo, os nosos medios conseguiron tapar as subidas dos laterais e foise gañando a batalla do medio do campo (en boa parte grazas a un impresionante Bustos), liña que non pareceu ser a máis destacada do Rayo Vallecano. O xogo equilibrouse e as ocasións empezaron a escasear, o cal, visto o visto, non era mal sinal.

Despois do descanso o partido cambiou radicalmente. O Celta saíu moi concentrado e aos 7 minutos xa remontara o partido grazas a un gol en propia meta e a outro de David Rodríguez culminando un rápido contragolpe. Ademáis, os nosos conseguiron facerse co leme do partido, Michu foi crecendo, Álex López asentouse, Trashorras comezou a aparecer e De Lucas foi un estilete pola dereita. A defensa xa deu impresión de máis seguridade e Bustos seguía coa súa exhibición. Demasiado para o Rayo Vallecano, que en ningún momento deu sensación de poder levantar o partido, menos aínda cando David Rodríguez puxo o 1-3 que nos devolve a postos de ascenso directo e que ten que supór unha boa inxección de moral para xogadores e afeccionados de cara á próxima visita a Elche.

Malia a data é á incerteza do horario ata dous días antes, na bancada do campo de Vallecas nos xuntamos -Esmorga Zeleste incluída- uns 300 celtistas. Non é mal número cando a Federación de Peñas non quixo organizar desprazamento a Madrid nin a inmensa maioría das peñas "maioritarias" desprazaron demasiada xente, pero todos os presentes animamos e gozamos coa remontada e co regreso á zona de ascenso.

O que é difícil de comprender é a que aspira parte do celtismo. Resulta que gañamos no campo do que era o segundo clasificado, onde só un equipo conseguira empatar, facémolo grazas a unha gran segunda parte, pero aquí preferimos seguir ao noso e buscamos todo tipo de explicacións para quitarlle mérito á vitoria. Que se o Rayo Vallecano nos deu un baño no primeiro tempo (certo, pero só ata o minuto 25), que se nalgún dos nosos goles houbo fóra de xogo (radicalmente falso), que se non tivemos ocasións alén dos goles (sen me esforzar xa lembro unha de Català, unha de Michu, unha de Trashorras e unha de David Rodríguez) ou que eles lanzaron dous tiros ao poste (non se di que ambos eran fóra de xogo). O de sempre: ou moito dano fai o Barcelona que todos aspiramos a arrasar os 90 minutos malia estarmos en segunda -o que algúns seguen a esquecer- ou é que temos un afán destrutivo que non hai quen entenda.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.