sábado, 11 de setembro de 2010

Celta, 3-Córdoba, 2.

O partido desta tarde en Balaídos reflectiu os contrastes que ten o Celta e a bipolaridade de parte da nosa afección. Un gol de David Rodríguez no desconto deixounos unha vitoria coa que moitos non contaban pero que nos coloca con 6 puntos, algo que non conseguiramos nos inicios das temporadas anteriores.

O partido púxose de cara moi cedo co 1-0, obra dun David Rodríguez enrachado, pero o problema é que os celestes se confiaron demasiado e o Córdoba acabou por tirar proveito do ritmo cansino do partido e remontou no comezo da segunda metade ao aproveitar dous graves erros defensivos, especialmente no caso do segundo gol onde Falcón e Roberto a cagaron ben cagada. Foi nese momento cando Paco Herrera optou por sentar a Trashorras, que deixara varias pingas da súa calidade no primeiro tempo pero que saíra do vestiario absolutamente apático, dando entrada a Joan Tomàs. A partir de aí o partido se revolucionou, o Celta volveu dominar e así chegou o empate, obra do catalán ao rematar un bo centro de De Lucas, que sufriu unha violenta entrada que non quixo ver o árbitro. Finalmente, cando case se daba por bo o empate, o terceiro gol levou a loucura á bancada e tres puntos máis ao noso casilleiro.

O demencial horario do partido fixo que a asistencia ao campo fose de algo máis de 7000 espectadores, que non se meteron no partido ata mediada a segunda metade. Segue a faltarnos pór máis da nosa parte para lles dar azos aos nosos xogadores.

De calquer xeito, esta nova vitoria non nos pode valer para caír na euforia, xa que hai erros moi importantes que se deben solucionar, sobre todo a nível defensivo. Encaixando unha media de dous goles por partido non se poden facer contas para nada, se ben é certo que o equipo está a amosar boas ideas ofensivas acompañadas dunha boa pegada. A Segunda División é unha categoría moi complicada na que os equipos que triunfan se soen armar de atrás cara adiante e onde conta por riba de todo a regularidade. Ogallá estas dúas vitorias consecutivas lles axuden aos xogadores a adquiriren confianza; con iso e pulindo os erros que nos están a custar tantos goles poderemos aspirar a traer algo da próxima visita ao Tenerife.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.