segunda-feira, 6 de setembro de 2010

Numancia, 1-Celta, 3.

Os agoiros que tanto abondan entre o celtismo non están de sorte esta semana, xa que os seus prognósticos catastrofistas non se cumpriron e o Celta conseguiu unha clara e contundente vitoria en Soria. De nada vale dicir agora que o Numancia deixa xogar ao fútbol, que os de Unzué non teñen nada, que houbo sorte, etcétera; os celestes fixeron un moi bo partido contra un dos a priori mellores equipos da categoría. E fíxoo botando por terra as teorías dalgúns intelixentes que criticaron a aliñación de Paco Herrera e con dous rapaces da canteira calándolle á boca a máis dun: Jonathan Vila (que xogou de central e estivo sempre moi seguro e ben situado, tanto mentres tivo en frente ao corpulento Vélez como cando saiu o activo Ibrahima) e Dani Abalo, que volveu tolos aos dous laterais que tiveron que marcalo, fixo un gol e deu os outros dous.

Foi moi sorprendente atoparnos aos 25 minutos de partido gañando por 0-3, había moito tempo que non viamos tal cousa. A saída fulgurante do Celta foi definitiva porque o Numancia nunca deu impresión de pórnos en apertos e só marcou no último minuto cando xa os vigueses desaproveitaran un feixe de ocasións para aumentar a goleada. Gran vitoria, pois, que debe servir como revulsivo para un equipo que nin agora é tan bo nin hai dous días era tan malo; teñamos paciencia, apoiemos aos nosos e deixémonos de catastrofismos e absurdeces como as que se len frecuentemente na prensa viguesa (cando un le algunhas crónicas, dubida se todos vemos os mesmos partidos).

Como xa vén sendo habitual desde hai uns cantos anos, os de Esmorga Zeleste estivemos en Soria, esta vez compartindo bancada e animación con máis celtistas ata un total de aproximadamente 30. O Celta deunos unha alegría e púxolle o ramo a unha gran fin de semana, que se repita este sábado ante o Córdoba.


Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.