domingo, 26 de setembro de 2010

Celta, 1-G.Tarragona, 0.

O Celta xa ocupa a terceira praza da clasificación (igualado co segundo) logo de conseguir a cuarta vitoria consecutiva, esta vez dobregando ao Gimnàstic de Tarragona grazas a un solitario gol de Quique De Lucas. A afección saíu de Balaídos moi satisfeita e xa parecen esquecidas as primeiras derrotas da temporada.

Igual que nos anteriores partidos, os celestes conseguiron adiantarse no marcador bastante cedo, pero esta vez souberon dominar o partido ata o descanso e logo aguantar os ataques dos cataláns cando estes se foron a polo empate. En conxunto o Celta foi superior e creou máis ocasións de gol e mesmo perto do final puido aumentar a ventaxa cando Iago Aspas estrelou no longueiro un remate de cabeza. Hai que destacar a verticalidade que está a ter este equipo, que busca a portería rival á mínima oportunidade, e nisto están a destacar Álex López -xa totalmente asentado no once-, De Lucas -líder, rendendo aínda mellor do que se esperaba del- e David Rodríguez, sempre moi loitador e incisivo.

O horario do domingo ás 5 da tarde axudou a que ao estadio asistisen moi perto de 10.000 persoas. Está claro que as vitorias do Celta son o mellor atractivo para que a afección acuda ao campo e que a xente se está a enganchar cada vez máis, pero aínda penso que deberiamos apoiar máis, asistindo en maior número e, sobre todo, animando máis constantemente.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.