domingo, 19 de setembro de 2010

Tenerife, 0-Celta, 2.

O Celta conseguiu onte en Santa Cruz de Tenerife a terceira vitoria consecutiva e remata a xornada nas posicións altas da táboa. Grazas a isto, en parte da afección se instalou o triunfalismo, poucos días despois de que se criticase duramente a adestrador, xogadores e directiva; volve quedar patente como viran os xuízos en función dos resultados.

O partido desta semana foi o reflexo dun equipo moi superior, que controlou o partido con certa comodidade e que parece asentarse xornada tras xornada. Enfronte estaba o Tenerife, o mesmo ao que algúns situaban como exemplo hai poucas semanas, supostamente un modelo de plantilla e adestrador que seica debería conseguir o ascenso sen suar, pero nas catro xornadas que levamos só coñece a derrota e nas Canarias xa claman contra o novo adestrador Gonzalo Arconada. Unha situación que me resulta familiar.

Trashorras (de penalty) e David Català foron os autores dos dous goles dunha vitoria que puido e debeu ser máis ampla se se tivesen aproveitado as claras ocasións da segunda parte. Neste período, porén, chegou a mellor opción do Tenerife, cun penalty escandalosamente inventado por Pérez Montero -vello coñecido nestas artes- que desaproveitou Kome.

O verdadeiramente importante é que o equipo parece terlle collido o xeito á competición, está con confianza e se van pulindo os erros de xornadas anteriores; este debe ser o camiño pero para iso os celtistas debemos dar algo máis de noso acudindo ao campo e animando aos xogadores. E, por suposto, o día que cheguen as derrotas -que chegarán- non seremos tan malos igual que agora non somos tan bos, daquela haberá que seguir a apoiar se de verdade queremos aspirar a algo nesta categoría.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.