sábado, 22 de janeiro de 2011

Cartagena, 0-Celta, 4.

O Celta acadou unha goleada en Cartagena que nin os máis optimistas imaxinarían antes de comezar o partido. O rival, un equipo deseñado para optar ao ascenso, chegaba en liña ascendente e o campo de Cartagonova se antollaba un feudo complicado de asaltar, pero os vigueses botaron por terra calquer agoiro e conseguiron un 0-4 que supón a terceira vitoria consecutiva fóra da casa, todas conseguidas en campos moi difíciles.

Ao contrario que en semanas anteriores, o Celta saiu desde o comezo disposto a asumir o mando do partido. Despois dun par de boas ocasións, David Rodríguez adiantou aos nosos no marcador xa no minuto 7, pero o equipo seguiu a apostar por presionar arriba, anular a liña de medios local e pór en moitos apuros á -hoxe- feble defensa. A partir do ecuador do primeiro tempo, o Cartagena, ferido no orgullo, veuse arriba e nese momento só as indecisións de Falcón deron sensación de fraqueza, xa que a defensa se mantivo a un gran nível. Nesta liña hai que destacar a espléndida actuación de Jonathan Vila e dun Català que se atopa ao seu mellor nível desde que chegou a Vigo, pero Hugo Mallo soubo gañarlle a pugna ao hipermotivado Botelho e, na esquerda, Víctor Fernández non notou a responsabilidade nin os meses que pasara no dique seco, completando un partido notable.

A piques de chegarse ao descanso, un zarpazo á contra serviu para que Michu anotase o segundo gol e demostrase, unha vez máis, a pouca razón que teñen os que o critican faga o que faga. A avantaxe mesmo se puido ampliar, pero tivo que ser na segunda metade cando o partido quedase totalmente sentenciado co gol de Trahorras (que hoxe estivo xenial) e logo co segundo na conta particular de Michu. Un 0-4 que había moito tempo que non disfrutabamos que non foi máis que un xusto premio ao gran partido feito por todo o equipo e que puido ser aínda máis avultado de non desperdiciar os nosos varias ocasións.

Cos resultados desta xornada, os tres equipos de cabeza amplían a sua avantaxe con respeito aos seguintes. A mágoa é que este ano o terceiro clasificado non ascende directamente e, con iso, a pugna polos dous primeiros postos é moi fechada. Agora mesmo, o Betis (que perdeu en Vila-Real) leva tres puntos máis que o Celta e mais o Rayo Vallecano, que conseguiu unha afortunada vitoria no campo do Barcelona B. Malia o apretado da táboa, a nosa situación é envexable e calquera a tería asinado hai meses ou incluso semanas. Temos por diante toda unha segunda volta, 21 partidos nos que vai ser complicado manter este altísimo nível, pero o visto ata agora nos fai ser moi optimistas xa que o equipo demostou calidade e compromiso.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.