quinta-feira, 20 de janeiro de 2011

Outra vez Ceballos Silva

O Celta visita este sábado o campo de Cartagonova para se enfrontar ao Cartagena, un equipo en alza no que hai moitos cartos invertidos co obxecto de conseguir un ascenso do que andou perto a temporada pasada. Para este partido o infame Comité Técnico de Árbitros designou a Ceballos Silva, un individuo cuxos méritos como colexiado se descoñecen, polo menos en base ao que temos visto en múltiples ocasións nas que o Celta o tivo que sufrir. Facendo unha breve escolma dos roubos deste señor destacan os seguintes:


   - Temporada 2010-2011: Celta, 1-Betis, 1. Culminou unha actuación descaradamente parcial -na que permitiu todo tipo de accións antideportivas e rastreiras do Betis- roubando dous clarísimos penaltys por mans da defensa andaluza. Ademáis, demostrou ser un provocador cando paseou por todo o campo (que necesidade había?) un obxecto que se lanzara desde a bancada.
   - Temporada 09-10: Numancia, 0-Celta, 0. Nun partido de claro dominio local, non sinalou un penalty por empurrón dun defensa a Joselu cando o dianteiro dezán ía rematar un centro na área.
   - Temporada 09-10: Salamanca, 1-Celta, 1. Anuloulle un gol absolutamente legal a Saúlo.
   - Temporada 08-09: Real Sociedad, 2-Celta, 2. Un dos maiores escándalos dos últimos anos: se na primeira parte (con 0-2) non quixo sinalar un penalty sobre Dani Abalo, logo expulsou a Peña nunha xogada que non fora man, nin ocasión manifesta de gol pero si fóra de xogo como lle sinalaba o seu asistente. Para culminar o despropósito, expulsou a Dani Abalo inxustamente.
   - Temporada 07-08: Numancia, 1-Celta, 2. Sinalou un penalty inexistente que, por riba, supuxo a expulsión de Matías Lequi.


Aínda que a afección celtista e mais a prensa viguesa obviaron este novo encontro que vamos ter co árbitro estremeño (poucos meses depois do partido ante o Betis), os antecedentes citados non nos fan ser nada optimistas, ao que, por riba, hai que engadir os graves erros que levamos sufrido nas últimas temporadas de mans de outros colexiados e que nos teñen costado un feixe de puntos moi importantes. Ogallá esta vez non nos teñamos que lembrar do famoso Ceballos, que pase desapercibido e que o Celta consiga os tres puntos (ou polo menos un), pero visto o visto, o medo é libre.


Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.