domingo, 9 de janeiro de 2011

Elche, 1-Celta, 3.

O temido e temible dobre desprazamento co que o Celta daba comezo ao ano 2011 saldouse da mellor maneira posible, mellor do que os máis optimistas pensarían hai 8 días. Conseguir seis puntos nos difíciles campos de Rayo Vallecano e Elche semellaba case unha utopía, pero o equipo de Paco Herrera o conseguiu, asentándose cada vez máis no segundo posto. Malia que non se puido aumentar a avantaxe co Rayo Vallecano, terceiro clasificado, si que se abre unha importante fenda co primeiro dos postos que non levan á promoción de ascenso.

No primeiro tempo o Elche tivo a posesión do balón durante bastantes minutos, pero a diferenza do acontecido en Madrid a semana pasada, o fútbol dos locais se limitaba case a colgar balóns na área. Tiveron dúas boas ocasións que resolveu Falcón con dúas grandes paradas, pero tamén o Celta buscou a meta de Caballero, tendo as súas mellores opcións por medio de Català e Roberto. Cando esmorecía este período, unha xogada ensaiada nun lanzamento de falta serviu para que David Rodríguez anotase cunha boa vaselina o seu décimo gol da temporada e, pouco despois, Trashorras puido sentenciar o partido, pero o seu control foi largo de máis e permitiu que un defensa solventase a clara oportunidade.

A segunda metade xa foi moito máis doada para o Celta, que aumentou a avantaxe grazas a un gol do criticado Michu aproveitando un grave erro dos centrais do Elche. Posteriormente, a expulsión do piscineiro Bodipo, que unha vez máis se arrastrou por un campo de fútbol, e o gol de De Lucas disiparon calquer dúbida encol do resultado. Nin siquera un penalty evitable de Hugo Mallo, que supuxo o seu quinto cartón e a conseguinte sanción (igual que minutos despois lle sucedeu a Jonathan Vila) e permitiu que Linares acurtase diferenzas, puido dar emoción ao treito final do partido, que foi solventado sen máis problemas.

Esta dobre vitoria foi un importante pulo para o noso Celta, pero debemos ter claro que aínda faltan 23 xornadas para o remate da liga, así que non podemos pensar que temos todo feito. Os azos do celtismo seguen a ser fundamentais, seremos quen de demostralo o vindeiro sábado en Balaídos? Xa nos vai tocando!

Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.