domingo, 16 de janeiro de 2011

Celta, 1-Xerez, 1.

Un gol de Mario Bermejo no minuto 90 impediu que o Celta conseguise a cuarta vitoria consecutiva logo dun partido feo no que o Xerez tivo máis tempo o balón pero sen crear ocasións de gol e no que Trashorras estrelou dous balóns nos postes da portería visitante.

O Celta chegaba a este partido logo das vitorias en Vallecas e Elche disposto a ratificar a súa candidatura de ascenso. Contaba coas baixas de Hugo Mallo e Jonathan Vila e coa lesión de Roberto Lago, o cal complicaba moito o panorama defensivo. O número 3 vigués puido saltar ao campo, pero no segundo tempo tivo que ser substituído e aí empezaron os problemas para o equipo, xa que Herrera tivo que improvisar unha defensa de circunstancias con Dani Abalo, Sergio Ortega, Català e Víctor, aos que se lles uniu máis tarde Túñez para tentar de gañar a batalla aérea. O remedio non estaba a resultar mal, pero un balón colgado non foi ben defendido por Ortega e o Xerez empatou cando se chegaba ao minuto 90. Tamén hai que dicir que aos nosos xogadores lles segue a faltar malicia, xa que non saben contemporizar nin aguantar o paso do tempo cango van gañando pola mínima e teñen balóns parados a favor.

O máis triste, na miña opinión, é que levamos catro anos en segunda e seguimos sen entender nada. Parece que non nos chega con que o equipo estea no segundo posto, xa que lle esiximos que xogue ao máximo nível todos os partidos, loxicamente porque os rivais non contan e porque nós somos os mellores do mundo e estamos en segunda por accidente. En cada partido sempre hai lugar para pór a parir a algún xogador ou ao mesmo adestrador, porque calquer afeccionado sabe máis que el; as consignas agora parecen ser criticar a Michu faga o que faga, dicir que De Lucas é un piscineiro, que Dani Abalo non serve para xogar en segunda, etcétera. O celtismo (no seu conxunto) segue sen estar á altura e de nada serve pasar a semana a pontificar en webs ao xeito de oráculo e a escribir en foros o comprometidos que estamos e o moito que imos animar se cando arrinca o partido o ambiente é mínimo e apenas hai berros de apoio aos xogadores nin se presiona ao árbitro. Seica son as consecuencias do chamado fútbol moderno e temos que apandar con iso, pero non deixa de ser moi triste e inxusto.

O próximo sábado despedimos a primeira volta en Cartagena, un campo complicado e contra un equipo que está a 8 puntos do Celta e que aspira ao ascenso. Todo o que sexa puntuar ten que ser ben visto. Non esquezamos que se a comezos de liga nos din que imos estar a estas alturas neste posto, seguro que a moitos nos daba a risa, así que o importante é asentarse na parte alta e manter -como mal menor- a avantaxe que lle sacamos ao sétimo clasificado.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.