domingo, 30 de janeiro de 2011

Barcelona B, 1-Celta, 1.

O Celta perdeu o segundo posto a pesar de conseguir un empate fronte ao Barcelona B, completando así un mes de xaneiro máis que notable no que se enfrontou a cinco dos que ocupan os primeiros lugares da táboa (catro deles fóra da casa), obtendo 11 puntos . Un balanzo que pode semellar escurecido polo feito de que o Rayo Vallecano só colleitase vitorias desde o 1-3 que lle endosamos na súa casa, pero que hai que valorar como excelente e que non nos apea en absoluto de seguir aspirando ao ascenso. De feito, os argumentos futbolísticos que está a ofrecer o equipo seguen intactos e, fronte a iso, é do xénero parvo pórse catastrofistas ou pesimistas. Sen dúbida, o Celta segue polo bo camiño.

O empate de onte no Mini Estadi foi curto para os méritos do Celta, que chegou con moita claridade á área local e que tivo moitas máis ocasións que o Barcelona B. Por riba, houbo que repórse ao gol madrugador de Edu Oriol, que marcou con bastante fortuna nunha das escasas chegadas dos filiais á portería de Falcón. Álex López conseguiu a igualada no segundo tempo e a partir de aí tivemos varias oportunidades para selar a remontada, pero a maioría das veces fallou o último pase e outras os remates non foron certeiros ou se atoparon cun atinado Miño.

Nos minutos de desconto tamén se produciu un feito salientable como foi o debú en partido oficial do canteirán Jota, un xogador que está a medrar partido tras partido no filial, como o poden comprobar os celtistas (poucos, por desgraza) que acoden regularmente a Barreiro. Ogallá o rapaz da Barbanza acabe por se converter en peza chave do Celta nos vindeiros anos.

Algúns tiñamos moito medo do que nos podía deparar a arbitraxe de Melero López, outra das bestas negras do Celta nos últimos anos e co que non gañara ningún dos 7 partidos que lle asubiara. Este malagueño é o mesmo que nos perxudicara gravisimamente en Cartagena a temporada pasada, entre outros logros, pero tamén foi o que arbitrou o Celta-Barcelona B da primeira volta, onde nos roubara dous penaltys. Onte non tivo apenas complicacións, o cal é de celebrar tratándose de quen se trata; queda a dúbida dunha caída de David Rodríguez na área (nas imaxes non se consegue ver con claridade se hai falta ou non), pero si que hai que lamentar que lle perdoase o segundo cartón amarelo a Ilie cando quedaba aínda media hora de partido.

Esmorga Zeleste estivo na bancada do Mini Estadi xunto con varios centos de celtistas, moitos deles que viaxaron desde Galiza. En xeral foi un bo día de fútbol, só estragado por algunha anécdota motivada polo afán de protagonismo dalgún listillo.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.